viernes. 19.04.2024
Terraza do bar Oasis, na avenida Luís Espada de Verín. | FOTO: M. D.
Terraza do bar Oasis, na avenida Luís Espada de Verín. | FOTO: M. D.

Tal e como dera a coñecer a Xunta de Galicia, no caso de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non ratificase a obriga de presentar certificados para acceder á hostalería, entraría en xogo unha nova medida en canto aos aforos se refire. Finalmente, o TSXG tumbou este requerimento -á espera do auto íntegro- e a nova decisión da Xunta xa se aplica dende as 00:00h do día de hoxe. 

Todos os municipios no nivel alto de restricións, ao que pertence Verín, só poderán acoller ao 30% da súa clientela no interior. Nas terrazas, a ocupación continuará a ser ao 50% cun máximo de 10 persoas por mesa. Estas restricións terían sido máis estritas no nivel máximo, no que actualmente non se atopa ningún concello galego, no que os establecementos terían que pechar as súas portas.

En canto ao ocio nocturno, esta nova vontade da Xunta supón unha redución no interior ao 30% nos concellos de nivel medio, nos que se atopan Monterrei e Riós, e medio-baixo. No máximo e alto, como ata agora, o sector só poderá facer uso da súa actividade en terraza co 50% da ocupación. Todas estas medidas e a evolución epidemiolóxica da comunidade serán revisadas polo comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na súa reunión de mañá mércores.

NOTICIAS VERÍN | Reducido ao 30% o aforo no interior da hostalería e ocio nocturno