domingo. 19.07.2026
Visita institucional á D.O. Monterrei

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG-PSOE reforza o seu compromiso co sector vitivinícola da comarca

Reunión do PSdeG-PSOE de Ourense coa D.O. Monterrei.
Reunión do PSdeG-PSOE de Ourense coa D.O. Monterrei.

O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súa rolda de contactos co sector vitivinícola da provincia para escoitar as necesidades e os proxectos axeitados para impulsar cada Denominación de Orixe, dun sector que consideran "clave e estratéxico" na economía da provincia. Tralo encontro coa Denominación de Orixe do Ribeiro, os socialistas desprazáronse ata Verín para manter un encontro co Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro socialista na comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación no Senado, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario de medio rural da Executiva Provincial, Francisco López González, reuníronse co xerente e o director técnico da DO de Monterrei, Gonzalo Losada Lorenzo e Luis Miguel López Núñez, respectivamente.

A reunión, que a representación socialista cualifica como "unha frutuosa xornada de traballo", promoveu un intercambio de información que amosou as tendencias relevantes nesta denominación de orixe. No encontro analizáronse os datos de 2020 a 2024, constatándose que Monterrei medra de modo continuado en superficie e quilos de uva colleitados, aumentando un 20,93% as hectáreas e nun 25,78% os quilos producidos. As adegas tiveron tamén unha alza, pasando de 27 a 29.

"Existe unha inquietude co avellentamento, a perda poboacional e a consecuente redución do número de viticultores, que está sendo compensada coa mecanización do cultivo, pero que pode deixar de ser así nun futuro próximo”, afirma o senador do PSdeG-PSOE Rafael Rodríguez Villarino. O representante do socialismo ourensán na cámara alta sinalou que “algúns dos asuntos que se trataron foron os efectos directos e indirectos dos aranceis de Trump, o consumo decrecente de viño tinto, a flavescencia dourada e outras pragas do viño, que xeran preocupación entre o sector”.

Un encontro que serviu tamén para pór en valor a necesidade de seguir realizando cursos de formación no Centro Nacional de Capacitación Agraria (CENCA), impulsar axudas para a promoción nacional e internacional dos viños e a innovación tecnolóxica, como ferramentas útiles para aumentar a competitividade do sector vitivinícola da DO Monterrei.

A representación do PSdeG-PSOE de Ourense e a do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei decidiron abrir unha canle de contacto continuada, emprazándose, asemade, para novos encontros, tanto entre si como coas restantes DO provincias e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O senador e o secretario provincial de medio rural socialistas reuniranse en vindeiras datas coas restantes DO da nosa terra.

NOTICIAS VERÍN | O PSdeG-PSOE reforza o seu compromiso co sector vitivinícola da comarca