miércoles. 24.04.2024
Representantes das agrupacións de Protección Civil de Riós, Verín, A Mezquita, Vilardevós e A Gudiña.
Membros das Agrupacións de Protección Civil das Comarcas de Verín e Conso-Frieiras. | FOTO: Xosé Lois Colmenero

Saen ás rúas cada día para velar polo benestar dos seus veciños de maneira desinteresada. Estes heroes, vestidos de laranxa e azul, invirten o seu tempo libre en axudar aos demais, máis nunha tempada coma esta marcada especialmente pola pandemia da Covid-19.

Estamos a falar das agrupacións de voluntarios de Protección Civil que, o pasado martes 19, recibiron un recoñecemento a todo ese traballo. Foron galardoados coa medalla de ouro ao mérito pola súa dedicación durante a crise sanitaria. Un equipo do Diario do Támega tivo o pracer de conversar cos seus responsables na nosa comarca e arredores.

Membros das Agrupacións de Protección Civil das Comarcas de Verín e Conso-Frieiras. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Chegaban puntuais ao lugar que nos regala unha das máis espectaculares panorámicas do val. Oito homes, uniformados, que son, xunto con todos os seus compañeiros e compañeiras, sinónimo de seguridade. Preguntados polo galardón, non podían esconder o seu agradecemento.

"É moi emocionante recibilo, foi unha época dura na que todos o pasamos mal e isto danos impulso para seguir", contaban Vicente Alonso e José Manuel Gago, de Riós. "Despois do mal que se pasou dános moitas ás para seguir colaborando", dicía Antonio Rivero, da agrupación de Vilardevós. "Mereceu a pena todo o esforzo realizado, estamos moi orgullosos", engadía o seu compañeiro, Daniel Mocho.

"A nosa provincia é punteira en canto a agrupacións de Protección Civil. Se non me equivoco somos 72 e é certo que o nivel de colaboración é moi alto", remarcaba Diego Matías, da asociación de Cualedro-Monterrei.

Os seus labores na pandemia

Foron varios meses coas rúas baleiras, negocios pechados e experiencias moi difíciles. Agora, estes voluntarios, un dos colectivos que nunca deixou de traballar, recordan con visible emoción este período. "Nós vivimos as dúas caras da moeda. Por un lado, foi gratificante acompañar a persoas soas, esquecidas polos seus familiares, en momentos tan duros que aínda hoxe nos agradecen. Por outra parte, ves tristeza, dor, morte. Son cousas que non esqueceremos nunca", relataba Manuel Alfonso, responsable de Protección Civil en Verín.

Foron os encargados, durante moitas semanas, de achegar os servizos básicos aos sectores da poboación máis vulnerables, sobre todo en momentos de incertidume derivados da, por aquel entón, descoñecida enfermidade. "Repartimos alimentos, medicamentos, realizabamos desinfección diariamente por todas as aldeas do municipio, por negocios, polas residencias...", enumeraban. 

Aínda que non o pareza, a pandemia logrou sacar o lado máis positivo e alegre de moitos cidadáns. Tamén houbo cabida para actividades divertidas, como o caso dun particular e animado circo ambulante. "Foi moi bonito, iamos polas aldeas, a petición dos pais, para que todos os cativos poideran bailar, escoitar música e non só silencio. Tamén o levamos ás residencias de anciáns, que tan mal o estaban pasando, a ritmo de 'Resistiré'. Foi realmente emotivo", relata Matías.

 

Recoñecemento social

Non hai dúbida de que o traballo que realizan diariamente é fundamental. Así llo fixeron sentir os veciños nun dos momentos máis difíciles que nos tocou vivir. "Sentimos sempre un cariño impresionante. Iso sen dúbida é o mellor que nos queda, todo o respeto que se nos ofreceu levarémolo no corazón para sempre", afirmaban, emocionados. "Recordamos moitas historias bonitas, sobre todo protagonizadas por xente moi agradecida", contaba Jorge Pereira, da agrupación da Gudiña.

"É un traballo que realizan cada día e que neste caso chegou á xente de xeito directo. Déronse conta da importancia dese traballo, de algo voluntario, vocacional, que fai moita falta, ao igual que toda a xente que o realiza e que nos saca de moitos apuros", afirmaba Rafael Pérez, alcalde da Mezquita e responsable da agrupación no municipio. "Non creo que ninguén dos que estamos aquí poidamos dicir que temos ningún problema para que nos recoñezan o traballo", engade.

As súas demandas

As agrupacións de voluntarios de Protección Civil son dependentes dos Concellos, de quen reciben financiación. Tamén contan con achegas e subvencións da Xunta de Galicia, quen ademais colabora con equipamento. "Na comarca temos moita sorte porque os Concellos colaboran de xeito activo, sen ese apoio institucional non poderiamos facer nada", contan.

Aínda así botan en falta apoio por parte doutros organismos como a Deputación de Ourense. "Aínda que non sexamos da súa competencia directa, botamos de menos o seu apoio como si o prestan outras deputacións provinciais como A Coruña. Por parte da de Ourense, a día de hoxe, que saibamos, aínda non recibimos nada e os voluntarios estamos por todos lados", engaden.

Pola súa parte, Rafael Pérez, como alcalde, recoñece esa falta. "Evidentemente a cantidade que nos dán aos Concellos é limitadísima. Chega para combustible, manter o vehículo e o teléfono, pouco máis. Non pedimos cantidades estratosféricas pero si o necesario para motivar á xente e que siga vindo colaborar. Que o beneficio sexa mutuo", explica.

Protección Civil é sen súbida un colectivo imprescindible no que teñen cabida persoas de calquera xénero e idade. Bo exemplo diso é José Martínez, da Mezquita, un vetenano voluntario, pensionista dende hai poucos meses e que aínda non se plantexa deixar de colaborar. "O voluntariado non ten idade de xubilación, continuarei ata que poida", recalca. Longa vida.

NOTICIAS VERÍN | Protección Civil, medalla de ouro a quen nos coida de xeito altruísta