domingo. 19.07.2026
Será na Casa da Cultura, o vindeiro 21 de outubro

NOTICIAS VERÍN | Pase especial e gratuíto das curtas gañadoras do FIC

Unha das proxeccións da última edición do Festival Internacional de Curtas de Verín.
Unha das proxeccións da última edición do Festival Internacional de Curtas de Verín.

A Casa da Cultura de Verín vai acoller a vindeira semana un pase especial das diferentes curtas que obtiveron premio na máis recente edición do FIC Vía XIV, que se desenvolveu a principios do pasado mes de setembro na vila do Támega. A proxección terá lugar o 21 de outubro, venres, a partir das 21:00 horas, e será gratuíta ata que se complete o aforo do recinto.

Así, no marco desta exhibición, o público de Verín poderá desfrutar dos traballos que resultaron premiados dentro de cada unha das categorías do certame. No marco da sección Nova, patrocinada pola Fundación Dentalnova, o traballo gañador foi The last day of patriarchy, dirixido por Olmo Omerzu, unha coprodución entre a República Checa, Eslovenia e Francia.

Vol de nuit, O teu nome é e Rompente

Na categoría Horizontes gañou Vol de nuit, unha curta de 26 minutos de duración de orixe belga e dirixida por Kenan Görgun. E na categoria A Raia, patrocinada pola Eurocidade Chaves-Verín, foi merecente do premio a curta O teu nome é, un traballo con selo portugués dirixido por Paulo Patrício. Finalmente, o Premio Especial do Público recaeu no film Rompente do director ligado a Verín, Eloy Domínguez Senén.

Todos estes traballos poderán visionarse, de novo, en Verín nunha acción que ten como obxectivo “impulsar e darlle continuidade a unha iniciativa cultural como é o FIC Vía XIV, plenamente incardinada na axenda de ocio e lecer da nosa vila”, destaca o director do certame, Carlos Montero.

NOTICIAS VERÍN | Pase especial e gratuíto das curtas gañadoras do FIC