
Logo de dous anos de interrupción por mor da pandemia, a cativada volverá ser protagonista no FIC Vía XIV de Verín ao programar o certame unha actividade específica para eles que se desenvolverá, por bloques de idade e baixo a batuta da narradora oral Raquel Queizás, nas xornadas dos días 1 e 2 de setembro no Auditorio. Baixo o título de Sopa Cómica, a organización do certame deseñou unha actividade para que os rapaces e rapazas de Verín e comarca se acheguen ao cinema e desfruten coa súa maxia e poder evocador.
Deste xeito, os máis pequenos poderán visionar os mellores traballos de determinadas figuras da comedia e descubrirán persoeiros enxeñosos como Mabel Normand, Collen Moore, Charles Chaplin, Buster Keaton, Laurel e Hardy (o Gordo e o Fraco) ou os Irmáns Marx, entre outros. Como broche final, os nenos e nenas gozarán cunha selección de curtas escollida pola organización do Festival. "Son curtas que fomentan o respecto polo outro, a liberdade, a paz, a tolerancia e a igualdade", destaca o director do certame, Carlos Montero.
Dous bloques de idades
Para esta acción proposta polo FIC Vía XIV, prevese dividir á rapazada asistente en dous bloques de idade. Un composto por cativos e cativas de entre 2 e 7 anos (con 40 minutos aproximadamente de sesión) e outro composto por un público infantil de maior idade, de entre 8 e 12 anos (con 50 minutos aproximadamente por sesión). Dentro de cada un dos bloques de idade, os nenos e nenas poderán participar nunha votación popular infantil na que elixirán a mellor curtametraxe das visionadas, que se premiará con 100 euros. A actividade está respaldada pola Asociación de Empresarios de Verín (AEVER).