jueves. 25.04.2024
A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, nas oficinas da avenida de Sousas de Verín.
A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, nas oficinas da avenida de Sousas de Verín.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana visitou este martes a nova oficina de emprego de Verín, que xa dá servizo a dez concellos: Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós.
O novo espazo supuxo un investimento de case 600.000 euros destinados á adquisición do inmoble situado na avenida de Sousas, e á súa reforma.

A oficina de Verín dispón agora de máis amplitude e con instalacións máis modernas para facilitar unha contorna de traballo máis confortable, que constitúa un punto de encontro máis amable cos demandantes de emprego, e máis atractivo para o tecido produtivo, dixo a conselleira. 


Sete persoas traballan no servizo galego de emprego na oficina de Verín, que o ano pasado prestou atención a case 6.500 persoas. As dependencias contan xa con dous profesionais que ocupan as novas prazas de orientación e prospección laboral co obxectivo mellorar as oportunidades de colectivos con maiores dificultades para obter emprego. 

A Consellería de Promoción do Emprego está apostar este 2023 pola modernización integral do servizo galego de emprego. Esta estratexia pasa pola renovación das oficinas (á que se destinan 3,3 millóns de euros), pola dixitalización do servizo (489.000 euros) e pola mellora da formación das persoas traballadoras (405.387 euros).

Estamos reformulando o servizo de emprego, non soamente as infraestruturas, tamén estamos aumentando o número de persoas que atenden ás desempregadas e desempregados en toda Galicia”, indicou a titular de Promoción do Emprego.

A conselleira fixo fincapé na posta en marcha este mes dun servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial, composto por 136 novos orientadores laborais, dous destinados en Verín, para apoiar máis intensamente a labor de colocación das case 1.800 persoas que se atopan en situación de desemprego nesta comarca.

NOTICIAS VERÍN | A Oficina de Emprego atendeu, no 2022, a 6.500 persoas