lunes. 22.07.2024
Cigarróns de Verín pola Avenida de Portugal.
Máscaras dos Cigarróns.

O Entroido está cada vez máis preto e en Verín xa se preparan para el. O Concello aprobou por unanimidade na Xunta de Goberno celebrada hoxe, o proxecto de organización, orzamento e as bases do Obradoiro do Cigarrón 2023, que ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 2 de novembro.

A actividade, que rematará antes do Xoves de Compadres, está organizada polo Concello e dende 1997 busca manter dentro dun canon de respecto polas formas tradicionais ó cigarrón, a máscara co maior significado do Entroido de Verín. Os participantes deste obradoiro farán todos os seus elementos constitutivos, salvo os compoñentes de produción industrial e o pintado da careta e da mitra.

Os participantes serán persoas maiores de idade que teñan as tardes libres, polo que poderán facer a máscara completa ou partes da mesma (traxe ou careta) e terán que levar todos os materiais e instrumentos necesarios. Por todo isto, son precisos coñecementos básicos de confección con máquina e levar unha, o que será obrigatorio, así como dispoñer de fundamentos previos sobre labor de punto con agulla de calcetar e sobre tecido con agulla de gancho.

Hai 24 prazas dispoñibles, sendo 12 o número máximo de persoas por actividade. As solicitudes tramitaranse na Casa do Concello e terán en conta a orde de inscrición ata completar o aforo. Admitiranse solicitudes dunha soa persoa e tamén aquelas presentadas por dúas que acrediten un parentesco de ata 4º grao.

O prezo da inscrición é de 120 euros para participar en todas as actividades e de 85 euros para os que só queiran aprender a facer o traxe ou a careta.

NOTICIAS VERÍN | O Obradoiro do Cigarrón abre prazo de inscrición para participar