viernes. 19.04.2024
Concerto da orquesta infantil do CMUS no curso pasado.
Concerto da orquesta infantil do CMUS no curso pasado.

O Conservatorio de Música de Verín non deixa de medrar e este curso, o terceiro cun grao de formación para músicos profesionais, e xa conta con ao redor de 70 alumnos en total. "Estamos contentos e con moito traballo. As clases xa empezaron nun curso no que subiu algo a matriculación", explica Miguel Ángel Guerra, o seu director.

Onte comezaron as clases e todos os estudantes do CMUS tiveron a oportunidade de coñecer a todos os seus mestres para este ano, no que se contará cun novo profesor para unha materia que se incorpora ó grao profesional. Por primeira vez, o CMUS de Verín ten a oportunidade de impartir sete cursos oficiais, 4 de elemental e 3 de profesional, que amosan o seu crecemento. "A posibilidade de ofrecer máis cursos axuda a que aumenten tamén as matrículas", apunta Guerra.

Dende a ANPA do CMUS celebran que siga medrando e onde se mostran "ilusionados e moi positivos" ante este ano. "Tanto el profesorado, como el Concello y nosotros estamos trabajando para que este inicio de curso sea genial. Este año habrá muchas sorpresas que ya estamos preparando", destaca Javier Díaz, presidente da ANPA. Na asociación destacan o esforzo do Consistorio apoiando a "este gran proyecto que nos beneficia a todos".

 

A partir do 15 de setembro xa estarán presentes no CMUS para que os pais poidan renovar os seus carnés de socios ou unirse a ANPA porque, ao igual que o Conservatorio, "medra en socios e colaboradores", apuntan. A asociación de pais e nais resalta que o equipo docente "moi comprometido" e xa teñen pactadas algunhas reunións de traballo co Concello, nas que se coordinarán para acadar o obxectivo de ter "un excelente centro educativo para a cativada, exponente da cultura musical que fai as delicias de toda a poboación perante un gran número de actividades abertas a cidadanía ao longo do ano".

A dirección do CMUS apoia todo tipo de actividades que leven o traballo dos estudantes fóra das aulas, dándolles a oprotunidade de ensinar todo o que aprenden á veciñanza de Verín. "Temos que saír para que todo o que facemos non quede aquí pechado", opina Guerra.

Na ANPA seguirán impulsando os festivais, "que tan boa acollida tiveron", farán excursións, repetirán a Gala da Igualdade e manterán as audicións abertas ó público. Todo isto virá neste curso e esperar sumar "novidades nas que traballamos" e tamén contarán con melloras e máis dotación para o CMUS.

NOTICIAS VERÍN | O CMUS inicia un novo ano académico con "ilusión" e máis alumnos