A maioría dos comercios locais de Verín abrirán as súas portas o domingo 5 de xaneiro para facilitar as compras de última hora. É unha das iniciativas postas en marcha pola Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) nestas festas de Nadal para dinamizar o comercio local e fomentar as compras na vila. Ademais, sortearanse cheques regalo e celebrarase a tradicional Gala de Nadal con actividades para toda a familia.
José Ángel Rodicio destacaba que AEVER busca reforzar os lazos entre a comunidade e o comercio local coas actividades organizadas dentro desta nova campaña. "O comercio local non é só un motor económico, tamén é parte da nosa identidade como vila, e queremos que a cidadanía vexa en Verín un espazo completo para vivir, comprar e desfrutar", afirmaba o xerente da asociación. Unha iniciativa que conta coa colaboración do Goberno local e da que Manuel Lorenzo, concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude de Verín, destacaba que "é un exemplo máis do seu compromiso por dinamizar o tecido económico local e ofrecer actividades e accións que reforzan o sentido de comunidade en Verín".
O feito de mercar no comercio local o domingo 5 de xaneiro terá premio. AEVER vai sortear catro pasaportes de compras por valor de 50 euros cada un deles. Poderase participar ata o 7 de xaneiro adxuntando os tíckets de compra no formulario que teñen preparado na súa web. O sorteo realizarase o día 8 de xaneiro.
Gala de Nadal
Outra das iniciativas que organizan dende AEVER durante estas datas festivas é a tradicional Gala de Nadal, unha tarde máxica para toda a familia que se celebrará o día 2 de xaneiro no Pavillón Deportivo de Verín. Isabel Risco presentará un evento que contará coa actuación do Mago Teto, co espectáculo de acrobacias aéreas de Sue Moreno, acróbata de renome no circo contemporáneo, e coa música de Cé Orquestra Pantasma.
O Ratiño Pérez tamén estará na Gala de Nadal de AEVER e haberá moitas sorpresas e xogos para a cativada. A entrada será gratuíta para aquelas persoas que realicen compras nos establecementos asociados a AEVER-CCU Verín. Os tíckets poderán recollerse nos comercios participantes.
