jueves. 18.04.2024
Unha das imaxes da curta, protagonizada por unha rapaza de Oímbra. | FOTO: Claqueta Coqueta
Unha das imaxes da curta, protagonizada por unha rapaza de Oímbra. | FOTO: Claqueta Coqueta

O vindeiro día 12 de decembro o Auditorio municipal de Verín acollerá a presentación do proxecto audiovisual 'Nós', unha obra realizada polo GDR Monteval e ideada e producida por Claqueta Coqueta, produtora da que é xerente o actor e director local Rubén Riós.

Esta curta documental está ligada a unha webserie que se apoia en tres pilares básicos da realidade do rural: a infancia, os retornados e os maiores. Os máis cativos como a esperanza e o xerme no rural, os retornados pola situación complicada que vivimos como sociedade e os maiores como unha homenaxe a toda unha vida.

O proxecto parte dunha formación que ten como protagonistas a persoas de cada un dos concellos do GDR -A Gudiña, A Mezquita, Castrelo, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós-. "Queriamos darlle a maior veracidade e verosimilitude posible e así mostrar un rural real", afirma o director. A peza plasmará en imaxes os retos aos que se tiveron que enfrontar estas persoas para despois levar a cabo as cápsulas que conforman a webserie. 

"A finalidade deste proxecto é potenciar o noso rural, o noso territorio, a nosa forma de vida, cada vez máis valorada polos de aquí e polos de fóra. É un proxecto que sae do corazón dos nosos protagonistas, uns sentimentos e sensacións que vale a pena amosar", afirma Ana Pardo, xerente de Monteval.

O acto terá lugar a partir das 19:00h no que, ademais, haberá cabida para a solidariedade. Coa intención de axudar aos que máis o precisen, membros de Cáritas de Verín realizarán, á entrada do Auditorio, unha recollida de alimentos e xoguetes de cara as vindeiras festas do Nadal. A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo.

NOTICIAS VERÍN | Rubén Riós e Monteval unen forzas nun proxecto audiovisual que pon en...