sábado. 27.07.2024
Limpeza do río Támega, o pasado ano ao seu paso por Pazos.
Limpeza do río Támega o pasado ano ao seu paso por Pazos.

Un ano máis, o CDR Portas Abertas e mailo Concello de Verín, organizan o evento 'Móllate polos ríos', enmarcado no Proxecto Ríos, posto en marcha pola asociación Adega no ano 2005 e promovido pola Consellería de Medio Ambiente.

Trátase dun programa de voluntariado, celebrado o vindeiro domingo 26 de setembro, de 10:00 a 13:00h, co que se levará a cabo a limpeza de diferentes cursos fluviais de toda Galicia. Na nosa comarca, a limpeza estará centrada no río Támega, co obxectivo de concienciar sobre a súa situación, fomentar a participación cidadá para o seu mantemento e aportar solucións aos problemas existentes.

"Cada ano traballamos nun tramo do río diferente. O ano pasado estivemos en Pazos e nesta ocasión, estaremos no seu paso por Verín", afirma Ramón Lantes, coordinador do programa.

Inscrición e prazas

Tal e como confirmaron dende a organización, non existe un número limitado de prazas aínda que "estaremos organizados en grupos de dez persoas para evitar as aglomeracións e poder manter as medidas sanitarias", resalta Lantes.

Para contribuír a isto, será obrigatorio o uso de máscaras, contar con luvas persoais e intransferibles de limpeza así como acudir con botas de auga -recomendable-. Todos os interesados -de calquera idade, incluídos nenos- poderán anotarse na actividade chamando aos teléfonos 988417232 ou 988989508.

Cartel promocional da XIV Limpeza Simultánea de Ríos.

NOTICIAS VERÍN | Móllate con Portas Abertas por uns ríos máis limpos