Hoxe celebrouse un novo pleno da Mancomunidade de Verín no salón de actos da Casa da Cultura. Alí, o presidente e alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, quixo recordar a imaxe do exalcalde e precursor da institución, Santiago Cid Harguindey, antes de dar comezo á orde do día. "Soubo o que é unha comarca, como enfrontar a prestación de servizos común para mellorar a vida dos seus veciños, sen sentimentos de superioridade, tratando de igual a igual a tódolos alcaldes con independencia da súa adscrición política. Provomeu a nosa Mancomunidade de municipios da comarca de Verín. Podemos dicir hoxe, 35 anos despois, que aquel esforzo persoal mereceu a pena. Por iso e por outras moitas cousas, grazas, Santi Cid Harguidey", rematou. Posteriormente a estas palabras tódolos presentes gardaron un minuto de silencio en memoria do finado. Santiago Cid Harguindey falecía o pasado venres 4 de xuño aos 75 anos de idade.
A orde do día
Este pleno, de carácter ordinario, tivo como puntos principais a aprobación dos orzamentos do pasado ano 2020 así como a ratificación do convenio de colaboración xa existente coa Cruz Vermella. Este convenio conta coa aportación anual de mil euros por cada concello pertencente á Mancomunidade (excepto Castrelo do Val). Un total de 6.000 euros que se invirten en diferentes talleres da Cruz Vermella nos distintos municipios. "Aquí en Oímbra, por exemplo, durante a ludoteca, fan actividades cos nenos unha vez á semana e imparten diferentes cursos, como o de primeiros auxilios", conta Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra.
Tamén se propuxo, por parte da Presidencia, a renovación de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do concello de Verín, como presidente da Mesa Comarcal de Coordinación Interestatal fronte á Violencia de Xénero en representación da Mancomunidade, que foi aprobada.