miércoles. 09.10.2024
Miguel Ángel Guerra, novo director do Conservatorio de Música de Verín.
Miguel Ángel Guerra, novo director do Conservatorio de Música de Verín.

Miguel Ángel Guerra leva máis de media vida ligado ao Conservatorio de Música de Verín. Este mezquités, natural de Santigoso, está a celebrar o vixésimo aniversario da súa vinculación como alumno e o terceiro como profesor. Despois de pasar por varias agrupacións corais da man do que considera o seu padriño musical, Mirito Mateo, e por diferentes orquestas, deu o salto á docencia que o levou, agora, a debutar como o flamante director do CMUS. Todo isto compaxinado coa dirección das Corais Beato Sebastián Aparicio -A Gudiña- e Os Trinos -Coles-; da Agrupación Musical de Riós e da Banda e maila Minibanda do CMUS. 

Pregunta: Que sentiu cando o nomearon como novo director?

Resposta: Foi unha decisión do equipo de goberno co apoio da ANPA. Por parte dos meus compañeiros profesores tamén sentin moito respaldo, e supoño que a miña experiencia como xefe de estudos tamén tivo algo que ver. É, desde logo, unha gran responsabilidade e un gran reto aínda que, nos primeiros momentos, quixen escapar (rí). Álvaro (Blanco) deixou o listón moi alto. No persoal, alégrome polo novo fito que conseguiu pero a nivel Conservatorio creo que perdemos máis do que gañamos. Por outra parte, isto tamén ten algo negativo, e é o medo a decepcionar.

Ser o novo director do CMUS é emocionante á vez que vertixinoso (Miguel Ángel Guerra)

P: Que obxectivos ten en mente para esta nova etapa?

R: O que máis me gustaría sería conseguir que o Conservatorio fora como un colexio, un ente para fundar músicos ata os últimos niveis ademais dun manancial de cultura para Verín. Son as premisas máis importantes que teño, a parte de que a vila se sinta beneficiada e recompensada co traballo que se fai entre estas paredes que, en gran medida, é 'culpa' do profesorado. 

P: Xa que fala da importancia da cultura, a vila parece que despega nisto do cine e doutras disciplinas artísticas. Como cree que se atopa de saúde musical?

R: Debido á pandemia é unha situación moi delicada e limitada. Ata o de agora non se puideron facer moitos dos eventos que nos terían gustado. Como comprenderedes, os músicos das bandas están desexando tocar e parece que ese día cada vez está máis preto. Pero non todo son malas noticias, xa que temos unha oferta para participar nunha especie de 'magosto cultural' que vai organizar unha verinesa. O evento aínda está por definirse e non podo contar moito máis polo momento.

P: Como afrontan este novo curso que comeza hoxe?

R: Agora estamos comezando e facémolo con moitos cambios. Todo o equipo directivo somos novatos, ademais do profesorado que conta con tres novos rostros que tamén se teñen que adaptar. Ímolo tomar con moita prudencia, aínda que teño que dicir que a acollida por parte dos recén chegados foi espectacular, con moita cercanía e agarimo, o que facilitará moito o noso traballo. Agora, a priori, ímonos enfocar no programa de actividades dos 30 anos do Conservatorio que organiza a ANPA, como o novo número da revista Alborada ou a exposición de fotografías coa que repasar estas tres décadas de vida, entre outras cousas.

P: Que significa para vostede a música?

R: É a miña vida, éo todo. É o primeiro que fago ao espertar, coller un instrumento e unha partitura. Cando non o podo facer bótoo de menos. Cando desfrutas nesta profesión, chega un momento no que xa non sabes distinguir entre traballo e afección. Eu estudiei música porque me gustaba desde a infancia, porque quixen, apostei por isto e teño agora a sorte de gañar a vida así. Boto horas sen mirar o reloxo e non me custa nada. 

P: Tal e como afirma, estudar música foi elección propia. Que opinaba o seu entorno desta decisión?

R: Dicíanme que a música é un pasatempo e non unha profesión. Estudei música contra a vontade de moitos. Dicíanme "Por que non estudas outra cousa? Só vas estudar música?" Só, como se estudar media vida non fora suficiente. Incluso xente da miña familia pensaba, cando tocaba o saxofón na orquestra, que non estaba traballando senón de festa.

NOTICIAS VERÍN | Miguel Ángel Guerra, novo director do CMUS: "Quero que o Conservatorio...