viernes. 19.04.2024
lume verin (57) (FILEminimizer)_Easy-Resize.com
Uno dos hidroavións que participou na extinción do lume o pasado verán en Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a orde pola que se aproba con carácter definitivo o proxecto de construción e se declara, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados pola construción dunha base de medios aéreos transfronteiriza no marco do Proxecto Interlumes, nos concellos de Verín e Oímbra.

En concreto, as obras consisten na construción da primeira base de avións transfronteiriza para reforzo da capacidade operativa de resposta na extinción de lumes forestais, co obxectivo de consolidar os mecanismos de cooperación na fronteira hispano-lusa a prol da cohesión territorial e da constitución dunha organización de resposta conxunta na xestión de emerxencias entre rexións en materia de incendios.

Esta base caracterizarase pola súa adecuación a aeronaves especializadas en extinción, tanto avións de carga en terra como helicópteros e, incluso, avións anfibios, polo que estará dotada con distintos tipos de depósitos de carga en terra. Con categoría 2 de aeródromo, contará cunha superficie de 23 hectáreas e estará dotada dunha pista de 1.200 metros de lonxitude e 30 metros de ancho, con 15 metros a cada lado de superficie acondicionada. En cada extremo da plataforma de rodadura instalaranse balizas luminosas e haberá un hangar con capacidade para seis avionetas de carga en terra.

Así mesmo, ademais dunha construción duns 300 m² con estancias individuais para a tripulación, a base estará dotada de tanques de combustible cunha capacidade mínima de 40.000 litros. Tamén contará cunha motobomba para un caudal mínimo superior a 350 l./min. Ademais, haberá equipos de extinción compostos por tres depósitos de auga e por unha rede de hidrantes (bocas de incendio).

Cómpre lembrar que para financiar a iniciativa Interlumes, na que ademais da Xunta participan o Goberno portugués e outras institucións de Galicia, Castela e León e Estremadura, prevese un investimento total de máis de 9 millóns de euros.

NOTICIAS VERÍN | Luz verde definitiva ó proxecto da base aérea de loita contra o lume