viernes. 19.04.2024
As lapas causaron danos materiais en Mandín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
As lapas causaron danos materiais en Mandín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O lume portugués que cruzou a fronteira pasadas as tres da tarde cara Rabal, en Oímbra, e Mandín, en Verín, xa deixa un balance desolador e 130 hectáreas queimadas. En pouco tempo e co apoio do forte vento, os danos materiais non tardaron en chegar. Dous vehículos e o material dunha vivenda en construción son parte deles e calcináronse ante a impotencia dos veciños que pouco puideron facer.

 

A maior perda que xa ocasionou este lume é a morte dalgúns animais domésticos que se atopaban nas vivendas, moitas delas segundas residencias nas que non se atopaban os donos. As lapas cercaron especialmente Mandín, polo que entre outros danos hai peches de fincas tamén afectados.

Claudia Álvarez, veciña de Mandín, é unha das máis damnificadas por este virulento lume. No seu caso perdeu un coche e o material da vivenda que ten en construción nesta parroquia. Álvarez lamenta que os efectivos de emerxencias, aos que chamou vendo a dirección das lapas, non puideron chegar para salvalos. "Veste desprotexido, sen medios para facer algo e os bombeiros sen responderche. Éramos os veciños os que tratabamos de parar o lume", conta desesperada.

 

O incendio tamén provocou incidencias na circulación transfronteiriza afectando á N-532 e á A-75. A autovía cortouse desde o quilómetro 0 ata 10 en sentido Verín. Patrullas da Garda Civil e da GNR apoian para controlar o tráfico. No caso da N-532, os puntos afectados son do quilómetro 10 ao 12.

NOTICIAS VERÍN | As lapas arrasan con 130 hectáreas en poucas horas en Rabal e Mandín