O IES Xesús Taboada Chivite volve estar de parabéns. Desta volta, vén de gañar a medalla de bronce no certame de cine OUFF Escola, organizado polo Concello de Ourense en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do XXVI Festival de Cine Internacional de Ourense.
Un concurso que ten como obxectivo impulsar o uso do galego entre a xuventude e fomentar a creatividade audiovisual, o traballo en equipo e a familiarización coas tecnoloxías da información e da comunicación entre os máis mozos.
'Fronteiras', que así se chama a súa obra, é unha interpretación realizada en lingua de signos da canción do mesmo nome da autora Guadi Galego. Este vídeo, realizado polos alumnos de 1º de ESO, resultou terceiro clasificado e galardoado cunha achega económica de 200€, despois de enfrontarse a outros 44 traballos que participaron nas dúas categorías establecidas.
A xornalista verinesa, Nora Sola, ex directora do OUFF e presidenta do xurado, destacou na entrega de premios "o labor formativo do festival e a súa importante colaboración no fomento da inventiva dos cativos".