sábado. 20.04.2024
Torre de anestesia dun dos quirófanos do CHUO.
Torre de anestesia dun dos quirófanos do CHUO.

A renovación dos equipamentos no Hospital de Verín continúa. Despois da instalación dun novo TAC o pasado mes de setembro, agora a Xunta investirá en equipos de anestesia máis beneficiosos para a saúde e para o medio ambiente. En total, a área sanitaria incorporará oito destes dispositivos que se repartirán entre os tres hospitais.

A inversión está preto de medio millón de euros -435.600- e repartiranse seis para o CHUO e un para o Hospital de Verín e outro para o de O Barco. No marco dunha iniciativa para renovar este equipamento e poñelo a disposición dos Servizos de Anestesia e Reanimación, estes equipos incorporan os últimos avances, ente eles o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde, xa que permiten unha mellora na temperatura corporal.

No conxunto de Galicia, a Xunta mercará case un cento deste dispositivos para repartir entre as sete áreas sanitarias, superando unha inversión de 5 millóns de euros. O contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporará unha tecnoloxía que mellore a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos. Ademais, serán equipos cunha importante redución de emisións de gran impacto ambiental.

 

Os quirófanos están incorporando melloras en toda a comunidade e, no caso de Verín, xa conta tamén con nova lámpadas cirúrxicas para mellorar a calidade da asistencia. As mesas de ciruxía tamén se renovarán, despois de que no mes de maio se licitase a compra de máis de 50 delas para repartir entre os hospitais da comunidade.

En Verín, todas as melloras compleméntanse coa construción dun novo espazo que se destinará ó servizo de Urxencias e do Punto de Atención Continuada para a comarca. O investimento é de case 4 millóns de euros e as obras están en marcha dende o pasado mes de xuño. O novo edificio, de planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados, ampliará un 10% os espazos do centro hospitalario de referencia para a bisbarra de Monterrei.

NOTICIAS VERÍN | O hospital terá un novo equipo de anestesia beneficioso para a saúde