jueves. 25.04.2024
Entrada principal al hospital de Verín. | FOTO: M. D.
Entrada principal ao hospital de Verín. | FOTO: M. D.

Dende que se fundou o hospital de Verín e o servizo de urxencias no ano 1994, a demanda asistencial foise incrementando de maneira progresiva. Ademais, foron nacendo avances médicos e técnicos que fixeron que a oferta dos profesionais fose directamente proporcional a esa demanda. Trátase de proxectos especializados como o Código Infarto e o Progalia, que estudan os infartos de miocardio, a súa prevención e o seu tratamento; o Código Ictus, que funciona con telemedicina e a través do cal están en contacto os mellores expertos en ictus de Galicia; ou a Ventilación mecánica non invasiva, esencial en moitas ocasións para evitar que a persoa faleza asfixiada. Todas estas técnicas foron incorporadas ao hospital de Verín facendo preciso un novo espazo para levalas a cabo.

 Pouco a pouco foron colonizándose espazos afíns do hospital para darlle resposta. Finalmente, iso non foi suficiente e volveuse fundamental a creación dun novo servizo de urxencias que poidera dar atención a todas estas necesidades (Doutor Cesáreo Álvarez, xefe de Urxencias do Hospital de Verín dende 2009)

Plano xeral coa ubicación do novo edificio do Hospital. | FOTO: SergasPlano xeral coa ubicación do novo edificio do hospital de Verín. | FOTO: Sergas.

O obxectivo principal do novo edificio, ademais de mellorar esa asistencia ao paciente, é facilitar os accesos, polo que estará situado ao cen por cento na planta baixa, cunha entrada desde a vía pública, independente do resto do hospital. Esta mellora da accesibilidade vai permitir unha atención máis rápida e unha determinación de prioridades máis eficiente. Contará cunha recepción ampla e diáfana, varias salas de espera, unha zona habilitada para descanso do persoal e a parte de PAC (Punto de Atención Continuada) perfectamente diferenciada da de urxencias.

Núcleo central de urxencias

  • Sala de triaxe: Na que se van clasificar aos pacientes en función da súa necesidade e prioridade asistencial
  • Tres consultas, as dúas primeiras polivalentes
    • Pediatría
    • Traumatoloxía
    • Consulta de curas / cirurxía menor
  • Seis boxes (aumenta en dous): 
    • 3 boxes especializados
      • Box de críticos, o máis importante do servizo de urxencias, no que se atenden pacientes máis graves
      • Box de aillamento: para pacientes con patoloxías infecciosas, entre elas, a Covid-19
      • Box de psiquiatría: acolchados para evitar autolesións
    • 3 boxes xerais, para o resto de patoloxías

Melloras arquitectónicas e estéticas

O máis salientable desta nova construción é, como xa adiantamos, que vai radicar ao pé da rúa "así evitamos subir pola rampa, e habilitamos unha zona de carga e descarga que antes era incómoda; por non falar do acceso peonil que era extremadamente dificultoso sobre todo para persoas con problemas de mobilidade", explica Cristina Enjamio, directora de recursos económicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. O edificio tamén vai estar dotado dunha mellor distribución interior; ao sumar superficie, as circulacións serán máis amplas e ordenadas, algo que Enjamio destacou como "especialmente importante nesta situación de pandemia".

Nova iluminación para o hospital de Verín. | FOTO: Sergas

Sistema de iluminación do novo edificio do hospital. | FOTO: Sergas.

Dende o punto de vista arquitectónico, todos os habitáculos van estar dotados de iluminación exterior e natural. Incluso os espazos interiores, a través do patio. Tamén van ter iluminación cenital, polo que se eleva a sensación lumínica. Ademais, a imaxe do hospital vaise ver "renovada, contemporánea, dotada de zonas axardinadas e cores brancas, asépticas e limpas, e con estruturas de madeira, que van facer deste novo edificio un lugar moi acolledor" explica Santiago Catalán, un dos arquitectos do proxecto.

Gaña espazo en infraestrutura, comodidade, mobilidade pero tamén en aparataxe para unha mellor atención ao paciente (Guillermina Agulla, xerente do hospital de Verín)

O novo edificio vaise construir no lugar que agora ocupa o aparcadoiro do persoal, na parte traseira do salón de actos, e todas estas prazas perdidas, incluso máis, especifican dende a xerencia, vanse compensar na actual plataforma de acceso ás urxencias. Por tanto "a rampa tan característica deste hospital desaparece, está prevista a súa demolición no proxecto", ratifica Agulla.

A rampa de acceso ás urxencis do hospital de Verín. | FOTO: M. D.A rampa de acceso ás urxencias e ao PAC. | FOTO: M. D. 

Eficiencia enerxética

Coa nova obra vaise facer tamén unha renovación integral dos recursos enerxéticos do hospital. "Iniciouse no seu día coa instalación de caldeiras de biomasa, que reduciron as emisiós de CO2. Agora o que pretendemos é mellorar a envolvente do edificio. Vanse facer actuacións sobre a cuberta para mellorar o illamento e ubicar nela unha enfriadora para climatizar e ter un mellor servizo de aire acondicionado no hospital", conta Cristina Enjamio.

Tamén esta previsto dotar ao edificio de enerxía solar, tanto térmica, que xera auga quente para uso sanitario;  como fotovoltaica, que produce enerxía eléctrica "para autoconsumo, por exemplo, para a enfriadora"Todas estas melloras alcanzan á totalidade do hospital e non soamente á nova construción.

O que aínda non concretaron é a nova utlidade do edificio actual das urxencias, pero explican que "será destinado para uso exclusivamente hospitalario". Cando finalicen as obras, momento previsto para o 2022, o hospital de Verín contará con 1.500 metros cadrados máis de superficie que van supoñer un investimento total de case dous millóns e medio de euros.

NOTICIAS VERÍN | Así será o edificio que o hospital de Verín estreará no 2022