viernes. 26.04.2024
Visita de representantes da Asociación Galega de Autocaravanas ao Museo de Verín.
Visita de representantes da Asociación Galega de Autocaravanas ao Museo de Verín.

Este xoves, máis de medio centenar de autocaravanistas visitaron o Museo de Verín no marco do Roteiro do Viño organizado por AGA (Asociación  Galega de Autocaravanas). Os mesmos, acompañados do seu vicepresidente, Xosé Anxo Cid, foron recibidos nas instalacións municipais polo tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, quen aproveitou para anunciarlles que a vila do Támega contará cunha nova área municipal de autocaravanas antes de que finalice este ano 2022.

Segundo confirmou Lourenzo, esta nova zona municipal destinada ao autocaravanismo estará emprazada na Preguiza. Unha contorna privilexiada situada nunha gran zona verde municipal que comunica o río Támega coa próxima estrada de Vences; e tamén moi céntrica, a poucos metros da Alameda de Verín.

"Esta demostrado que o turismo de autocaravana, que se atopa actualmente en plena expansión, convértese nun beneficio directo para a economía local daqueles lugares que elixen como destinos. É por iso", explicou Lourenzo, "que desde o grupo de Goberno apostamos pola creación desta nova área que dará cabida a medio centenar de vehículos e que dispoñerá de todos os servizos necesarios para o uso e goce dos usuarios desta modalidade turística".
 

As zonas verdes, principal aposta

As zonas verdes constitúen unha das principais apostas do Executivo de Gerardo Seoane. A execución do parque da Preguiza, dividido polo río Támega e punto de saída do carreiro que bordea o leito augas arriba, vai parella á prevista nas inmediacións da factoría de Fontenova, onde tamén ao redor de 70.000 metros cadrados habilitaranse para o goce dos verineses.

A dotación municipal proxectada levará da man a construción da ponte na Preguiza, que conectará o vial que desemboca desde a estrada de Laza coa vía que accede a Verín desde Vences. Segundo xustificou Gerardo Seoane, "este grupo de Goberno comprobou a escaseza de espazos verdes que ten esta vila, na que soamente o parque da Alameda ten tal connotación, despois de que a praza do Concello fose totalmente remodelada prescindindo das lendarias árbores que a presidían", asegurou.
 

Visita da Asociación Galega de Autocaravanas á acrópole de Monterrei. | FOTO: Turismo de Monterrei.
Visita da Asociación Galega de Autocaravanas á acrópole de Monterrei. | FOTO: Turismo de Monterrei.

 

Roteiro enolóxico da Asociación Galega de Autocaravanas

Neste roteiro, os participantes percorrerán durante 7 días, 350 km do sur da comunidade autónoma realizando visitas culturais e degustacións de viño en seis adegas de catro das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia. Ribeira Sacra, Monterrei, Ribeiro e Albariño Rías Baixas das subzonas Condado do Tea e Val do Salnés.

O colectivo rematou a visita á comarca percorrendo a acrópole de Monterrei

NOTICIAS VERÍN | O parque da Preguiza terá unha área para 50 autocaravanas antes do 2023