jueves. 18.04.2024
O alcalde e candidato independente polo PSdeG, Gerardo Seoane
O alcalde e candidato independente polo PSdeG, Gerardo Seoane.

O PSdeG-PSOE vén de anunciar a Gerardo Seoane Fidalgo como candidato á alcaldía de Verín de cara aos comicios electorais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O actual alcalde da vila busca o seu terceiro mandato ao fronte do consistorio, co obxectivo de seguir desenvolvendo a actividade económica no municipio, un dos eixos “fundamentais” para o futuro de Verín e a súa comarca.

O actual alcalde do municipio sinala que “buscamos un terceiro mandato que nos permita seguir avanzando en numerosas frontes, xa que o noso traballo aínda non está completo e queda moito por facer”. Destaca que nestes últimos catro anos “avanzamos na humanización das rúas, especialmente as vías principais, os parques e os balnearios, polo que nos queda rematar con obras xa empezadas e seguir apostando por mellorar os servizos e as infraestruturas”.

Seoane Fidalgo márcase como outro dos obxectivos o “plan produtivo”, xa que segundo apunta “o novo plan xeral que vamos a aprobar inicialmente, permitiranos desenvolver chan industrial e á súa vez captar novas empresas, porque xa teremos localización para que se instalen”. Neste senso, o candidato do PSdeG-PSOE subliña que a finalidade deste novo plan xeral “é xerar novos postos de traballo, a maiores dos que xa se están xerando, que son un total de 140 nestes momentos”.

O candidato do PSdeG-PSOE afirma que a actividade económica “vai ser o punto fundamental no que incidiremos na próxima lexislatura” e fai fincapé en que “ademais da consecución inmediata de postos de traballo, vamos a sentar as bases en cuestións principais como son o abastecemento de auga, a eficiencia enerxética, a ordenación do territorio e a formación de persoal”.

No relativo a formación de persoal, Gerardo Seoane destaca como un dos puntos “clave” a implantación “dunha serie de becas que teñan que ver coa actividade económica do noso concello e que nos permitan formar a futuros candidatos e candidatas para que poidan a acceder a estes postos de traballo e seguir mellorando a economía da vila”. O candidato socialista afirma por último que “tamén vamos seguir ofrecendo uns servizos municipais eficientes que dean resposta ás suxestións da cidadanía”.

NOTICIAS VERÍN | Gerardo Seoane, candidato do PSdeG á alcaldía: "Aínda nos queda moito...