viernes. 26.04.2024
Alumnos do García Barbón do Ciclo Básica de Mantemento de Vehículos tiveron unha charla con Javier Cid, de Talleres Javito.
Alumnos do García Barbón do Ciclo Básica de Mantemento de Vehículos tiveron unha charla con Javier Cid, de Talleres Javito.

O IES García Barbón de Verín atópase inmerso nas II Xornadas de Emprendemento que organizan para os alumnos de Formación Profesional. Durante toda a semana, estudantes de diversos ciclos terán a oportunidade de coñecer varios proxectos locais e tamén participarán en actividades que lles permitirán mellorar as súas competencias emprendedoras.

O programa destas xornadas divídese en varias partes. Unha primeira son os "Cafés inspiradores", con charlas que se ofrecerán ós estudantes ao longo desta semana. O seu obxectivo é amosar o emprendemento como unha alternativa e para iso coñecerán de primera man diversos proxectos locais.

Onte, os estudantes de primeiro do Ciclo Básico de Mantemento de Vehículos tiveron a visita de Javier Cid, quen lles falou do seu proxecto e negocio, Talleres Javito. Mañá, os de segundo curso deste mesmo ciclo contarán coa presenza de Daniel Rodriguez, para que lles conte a súa experiencia con Talleres Monterrey.

Os "Cafés inspiradores" continuarán o xoves para os alumnos de primeiro do Ciclo Básico de Servizos Administrativos, que poderán coñecer o proxecto LVX Tattoo de Lucas Molina. A derradeira xornada desta actividade será o venres, para os estudantes de segundo curso deste mesmo ciclo. No seu caso, contarán coa presenza de Javier Fernández para explicarlles todo sobre Imaxinamais.

Fóra destas actividades, as Xornadas de Emprendemento do García Barbón contan hoxe con "Peregrinando polo emprendemento", facilitado pola Fundación Ronsel. Esta actividade, dirixida a alumnos de segundo do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, desenvolverase ao longo dun tramo do Camiño de Santiago entre Verín e Rebordondo. O seu obxectivo é o de formar proxectos de emprendemento a través do mentoring, un método de aprendizaxe no que unha persoa máis experimentada ou con maior coñecemento axuda a outra que non o é nin o ten.

Mañá, os os alumnos de primeiro e segundo dos ciclos formativos contarán coa actividade "Entrenando soft skills", facilitada pola Fundación Ronsel. Esta parte da programación das xornadas levarase a cabo na aula de emprendemento do IES García Barbón, para que os estudantes participen nos talleres de formación práctica aplicables para o coñecemento e mellora das competencias descritas para un emprendedor.

Por último, estas xornadas completaranse os días 9 e 10 de novembro cunha formación en liña destinada para o profesorado. Coa axuda da empresa verinesa Apoio Coop, os mestres participarán en dous talleres, un de introducción ás metodoloxías Desing Thinking e Lean Startup e outro sobre prácticas coa ferramenta Business Model Canvas.

Programa das II Xornadas de Emprendemento do IES García Barbón.
Programa das II Xornadas de Emprendemento do IES García Barbón.

NOTICIAS VERÍN | O IES García Barbón promove o emprendemento nos alumnos de FP