José Luis Gavela Varela, presidente da Fundación San Rosendo, confirmaba este mesmo martes, logo de asinar co alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane, a escritura pública de cesión do terreo situado en Caldeliñas; a firme intención da institución que preside de non demorar por máis tempo o inicio das execucións da futura residencia de anciáns. "Será este mismo mes de febrero. La Fundación solicitará todos los permisos y licencias necesarios para no demorar más el inicio de las actuaciones, después de las múltiples vicisitudes y la larga espera para que llegase este día", apuntaba en presencia do rexedor Gerardo Seoane.
Gavela Varela amosouse moi satisfeito de "que por fin llegase este día" e confirmou un horizonte de non máis de dous anos para que a nova institución esté en funcionamento.
Coa rúbrica desta mañá, dáse finalmente luz verde un proxecto que durante anos foi unha das grandes demandas da sociedade verinesa, así como tamén un dos proxectos comprometidos inicialmente polo Goberno local deste municipio.
Segundo se estipula no convenio ratificado no pleno que tivo lugar o pasado 20 de decembro, o ente municipal cede gratuitamente á Fundación San Rosendo parte dunha parcela situada no lugar de "Pedreiras", en Caldeliñas, que será destinada ao equipamento asistencial definido nos planos de ordenación pormenorizada do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Complexo Balneario - Asistencial de Caldeliñas. Este novo centro, que terá capacidade para 100 persoas maiores dependentes e dará emprego a 50 profesionais, estará situado nunha parcela de 12.000 m2.
O alcalde de Verín mostrouse plenamente satisfeito xa que "despois de atravesar todo tipo de vicisitudes", que retardaron este proxecto máis do previsto inicialmente, por fin o Complexo Balneario - Asistencial de Caldeliñas será unha realidade. "Ademais de ser un servizo moi necesario para a nosa vila", explicou Seoane, "suporá a creación duns cincuenta postos de traballo directos, ademais de xerar unha serie de industrias auxiliares que sen dúbida terán un importante impacto positivo na economía local".