Venres. 29.03.2024
Verín-Medio Rural-nave-conselleiro
A compraventa e posterior acondicionamento da instalación achégase ao millón de euros de investimento. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a nave que albergará a nova sede do distrito forestal XIV, de Verín-Viana. O conselleiro destacou que estas instalacións permitirán “seguir mellorando e optimizando os servizos que prestamos á cidadanía, neste caso relacionados co sector forestal”. Nesta liña, salientou tamén que se pasa de contar cunhas oficinas nun piso do centro urbano de Verín a dispoñer “dunhas instalacións moito máis acaídas e accesibles”.

Na presentación da nova infraestrutura, que coas reformas previstas máis o importe da compraventa a Consellería de Medio Rural terá investido arredor dun millón de euros, estiveron presentes a práctica totalidade dos rexedores municipales afectados polo distrito XIV Verín-Viana, que percorreron co conselleiro as instalacións do novo edificio. 

Así, José González sinalou que esta nave acollerá uns 95 profesionais, entre axentes, técnicos, emisoristas e bombeiros forestais. É dicir, máis da metade do persoal de todo o distrito, que está integrado por 177 persoas. Ademais, indicou que os vehículos do distrito contarán cun espazo, a cuberto, “moito máis axeitado para protexelos do inverno”. Neste sentido, o conselleiro trasladou que se vai habilitar un lugar para acoller ata 11 motobombas e ata unha trintena de vehículos do distrito forestal.

José González enmarcou esta iniciativa nas melloras constantes que se están a introducir para intensificar os esforzos na loita contra os incendios e engadiu que o distrito de Verín-Viana “é un dos máis afectados pola actividade incendiaria e por iso estamos a redobrar -nel e en toda a provincia de Ourense- os labores de prevención”.

Sen solución, polo de agora, á oficina de Extensión Agraria

As novas instalacións do Distrito Forestal non acollerán ás oficinas de Extensión Agraria Comarcal, ubicadas ata o de agora na vella praza de abastos de Verín. Segundo confirmou o propio conselleiro a esta redación, o adquisición da nave da extinta compañía de distribución alimentaria Almacenes Freiría só é para o servizo dos equipos de extinción forestal.

Verín-distrito forestal-naveJosé González -conselleiro-, Gerardo Seoane -alcalde de Verín-, Gabriel Alén -delegado da Xunta en Ourense- e Manuel Rodríguez, director xeral da Defensa do Monte. 

Temos que comezar a traballar xa nunha planificación para facer ó territorio moito máis resistente contra os incendios. E facelo resistente aos lumes é enchelo de actividade agrograndeira e forestal rendible (José González, conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia)

"Unha comarca moi abandonada"

O conselleiro, José González, lanzou unha clara mensaxe aos rexedores locais do firme compromiso da administración autonómica coa comarca de Monterrei: "Monterrei vai a ser utilizado para potenciar moitos instrumentos que contempla a nova lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esa lei, que se publicará no DOG a semana que vén, é fundamental e eu teño toda a intención de que os instrumentos desta norma se utilicen de xeito moi intenso nesta comarca para facer prevención logrando facer resistente o territorio aos incencios forestais. Isto non é unha broma, aquí se van a instalar, se é que tamén hai vontade por parte dos alcaldes, polígonos cortalumes; se vai a traballar coas actividades tradicionais que xa hai aquí, nalgún concello xa estamos traballando nesa liña -en referencia ao de Oímbra-, e toda a comarca terá a posibilidade de desenvolver todos os instrumentos da lei de recuperación, entre os que se atopan os mencionados, pero tamén outros como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, porque esta comarca está moi abandonada", recalcou o conselleiro. 

Xuño, no horizonte

"Será no mes de xuño cando eu xa poda volver cun plan específico de posta en marcha de todos eses instrumentos na comarca de Monterrei. Temos que ser moi fortes en extinción, porque aínda teremos incendios. Pero temos que comezar a traballar xa nunha planificación para facer ó territorio moito máis resistente contra os incendios. E facelo resistente aos lumes é enchelo de actividade agrograndeira e forestal rendible", díxolle o conselleiro de Medio Rural, José González, aos alcaldes da comarca de Monterrei e Conso-Frieiras. 
 

NOTICIAS VERÍN | A que fora nave de Almacenes Freiría, no polígono, nova sede do...