Venres. 29.03.2024
158644897_1938485569625206_8501646071001918353_n
Catro traballadoras de Femuro. | FOTO: Femuro

A Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense -Femuro- celebra unha nova edición do Foro de Igualdade, que este ano tratará sobre as diferentes manifestacións de violencia de xénero. O evento vaise celebrar mañá día 5 de xuño no Auditorio Municipal de Verín, en horario de mañá. Comezará as 10, coa presentación do Foro por parte da presidenta de Femuro, Isabel Garrido. Tras esta breve intervención, inauguraranse os actos da man da concelleira de Cultura do Concello de Verín, Emilia Somoza; a deputada de Igualdade e Benestar, Luz Doporto e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén.

Ás 10:30 seguirá a programación coa celebración dunha mesa redonda onde, diversos profesionais da psicoloxía, da medicina e do dereito, darán as claves dos protocolos de actuación en caso de sufrir algunha agresión deste tipo.

Estarán acompañados por varios membros da unidade de Violencia de Xénero da Garda Civil de Verín, encargados do seguemento das ordes de proteción ás vítimas. Rematado éste, realizarase un pequeno descanso e a actividade retomarase a partir das 12, cunha charla sobre a industria da prostitución e da trata, e sobre como a sociedade inflúe na violación sistemática de mulleres. Estará impartida pola psicóloga forense Yerma González.

A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López, será a encargada de clausurar os actos destacando os recursos da Xunta de Galicia para a prevención da violencia de xénero e a atención das súas vítimas. Para rematar, a pianista Hilda Fernández deleitará aos asistentes cunha actuación que funcionará como peche da xornada.

A asistencia ao Foro é completamente gratuíta aínda que se require inscrición previa para evitar aglomeracións. Para todos aqueles que non poidan acudir persoalmente, estará dispoñible unha conexión en streaming, aberta para todo o público a partir das 10 da mañá. 

195874636_2008696035937492_4226620122218743432_n

Cartel promocional cos horarios de cada actividade. | FOTO: Femuro.

NOTICIAS VERÍN | Femuro celebra mañá o XVII Foro de Igualdade sobre a violencia de xénero