lunes. 29.04.2024
Manuel Lorenzo e Samanta Barreira, na presentación da Feira de Nadal 2023. | FOTO: Carlos Montero.
Manuel Lorenzo e Samanta Barreira, na presentación da Feira de Nadal 2023. | FOTO: Carlos Montero.

Un total de vinte e sete postos temáticos de artesanía e alimentación, animación musical e actividades para os máis pequenos da casa. Así será a programación da próxima feira de Nadal organizada polo Concello de Verín os días 8, 9 e 10 de decembro na Praza García Barbón.

A programación oficial foi presentada esta xoves no Concello de Verín polo concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería, Manuel Lorenzo Feijóo e pola concelleira de Turismo, Cultura, Festexos, e Conservatorio, Samanta Barreira.

Segundo destacou Manuel Lorenzo, finalmente serán un total de vinte e sete os postos temáticos que se instalarán no recinto feiral e que "contarán cunha completa e variada oferta de produtos de artesanía e alimentación". O horario da feira será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

"Como xa ben sendo habitual, a música terá un especial protagonismo durante a feira", destacou Samanta Barreira. O venres 8 de decembro, ás 19:30 horas, a Banda de Gaitas do Concello de Verín inaugurará o recinto feiral, realizando un pasarrúas pola Plaza García Barbón e Casco Histórico. O sábado 9, ás 12:30 horas, actuará a Coral de Verín; e ás 19:30 horas, a animación correrá a cargo da Banda de Gaitas Nova Era. Xa o domingo 10, ás 12:30 horas, a Coral "A Tempo" poñerá o broche musical á derradeira xornada do evento.

Actividades para a cativada

Tamén haberá actividades para os máis pequenos da casa. Entre os días 6 e 10 de decembro instalarase na Praza García Barbón un Carrusel Infantil. O horario de apertura será de 12:00 a 14:00 h e 17:00 a 20:00 e o prezo de entrada será de 1 euro. Ademais o domingo 10, a partir das 17:00 horas, os nenos e nenas que se acheguen ao recinto da feira recibirán a visita dunha das figuras  máis tradicionais do Nadal: a Papa Noel.

Como de costume, o domingo -ás 19:45 horas- terá lugar a entrega do premio ao mellor stand de Nadal e o sorteo da Cesta con diferentes produtos cedidos polos expositores, antes do peche do recinto feiral.

Acendido das Luces de Nadal

O venres 8 de decembro, ás 18:00 horas, procederase o acendido das Luces de Nadal no recinto feiral. Nos días seguintes, o alumeado irase estendendo progresivamente polo resto do casco urbano, así como nos núcleos rurais.

NOTICIAS VERÍN | A Feira de Nadal abrirá o vindeiro día 8 con 27 postos temáticos