martes 28/09/21
O acto de peche tivo lugar na antiga aduana a onde acudiron varios cargos de Galicia e Portugal

NOTICIAS VERÍN | A Eurocidade pon o foco na empregabilidade xuvenil durante a clausura do proxecto Eurocidade 2020

Clausura Eurocidade | FOTO: M. D.
Varios cargos galegos e portugueses, no acto de clausura do proxecto Eurocidade 2020. | FOTO: M. D.

No día de hoxe celebrouse o acto de peche do proxecto Eurocidade 2020, que dera comezo no 2017, e que naceu co obxectivo fomentar unha cooperación transfronteiriza entre as localidades de Verín e Chaves. Dentro desa colaboración, salientan actividades educativas, de emprendemento e dixitalización así como o reforzo da 'Eurocidade da auga', como principal reclamo turístico. 

O evento tivo lugar na antiga aduana española, na localidade de Feces de Abaixo. Comezaba cunha presentación ás 11:00h, coa benvida do vicepresidente da CCDR Norte, Bernaldino Pinto, e baixo a batuta do director executivo da Eurocidade, Pablo Rivera. Seguidamente, tivo lugar unha mesa redonda na que se avaliou o impacto do proxecto e a súa continuidade no futuro.

Para despedir os actos, tomou a palabra o presidente da Cámara Municipal de Chaves e presidente da Eurocidade, Nuno Vaz, que quixo destacar a importancia das AECT nos territorios fronteirizos. "É fundamental que existan, son espazos importantes de traballo, de iniciativas, que poden axudar non só ao obxectivo central do proxecto que é consolidar a rexión, senón tamén funcionar como espazos físicos, xurídicos, empresariais... A nosa prioridade é crear territorios máis capaces, máis innovadores, emprendedores, preparados para que esta zona, que ten moita presión, estea o mellor preparada posible para as xeracións futuras", afirma Vaz. 

"É esencial que nós coñezamos ás persoas, ás institucións e as vontades e compromisos que teñen para que logremos reverter unha tendencia que é manifesta: a perda de poboación, dinamismo e actividades na zona", engade, incidindo na importancia de orientar proxectos cara á poboación nova. 

É esencial que nós coñezamos ás persoas, ás institucións e as vontades e compromisos que teñen para que logremos reverter unha tendencia que é manifesta: a perda de poboación, dinamismo e actividades na zona (Nuno Vaz)

Nesa mesma idea de recalcar a importancia de empregabilidade dos máis novos, tomou o testemuño a vicepresidenta do Consello Directivo do Instituto Portugués do Deporto e Juventude, Sônia Paixão, quen resaltou que "A idea máis importante é que proxectos como este teñen que continuar porque son elementos de empoderamento, de capacitación dos máis novos e son xanelas cheas de oportunidades". "Tamén quero poñer en valor este edificio no que estamos e que ten tanta importancia. Antigamente, era un elemento separador e hoxe obríganos a traballar unidos. Para min é un orgullo dicir que España é o meu país irmán, porque é moito máis o que nos une que o que nos separa", conclúe.

Proxectos coma este teñen que ter continuidade porque son xanelas cheas de oportunidades para os máis novos (Sônia Paixão)

Como representante do goberno galego, acudiu o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, en lugar do vicepresidente Alfonso Rueda. "Pensamos que se a cooperación transfronteiriza é necesaria sempre, a cooperación en fronteira que afecta aos cidadáns que viven dela ten que ter unha discriminación positiva. Por iso enviamos a Madrid uns proxectos para beneficiar estas zonas. Se non se consegue a financiación con fondos de recuperación Next Generation, que sería o propio, existe o novo marco financeiro 21-27 que agora estamos a negociar. As noticias que temos ata o de agora, limitan a cooperación a áreas da fronteira pero nós somos partidarios do modelo actual. Unha cousa é a consolidación dunha Eurorexión e outra a cooperación de proximidade", finaliza.

Ademais dos comparecentes, acudiron ao acto varios cargos como o director da Eurocidade do Guadiana, Luis Romão, ou a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, en representación da Deputación de Ourense. Todos xuntos, procederon a presentar unha nova cabina de gravación, inaugurada no local de ensaios musicais, dispoñible para todos aqueles cidadáns que queiran beneficiarse dos seus servizos. O único requisito é pertencer ao territorio da Eurocidade e facer unha solicitude a través da páxina web.

Presentacion sala gravacion eurocidadeInauguración da nova sala de gravación. | FOTO: M. D.

Finalizados os actos oficiais, tódolos asistentes foron obsequiados cun cocktail ao aire libre, amenizado pola música en directo do artista luso, Daniel Pereira, e o gaiteiro galego, Óscar Ibáñez, xuntos nunha fusión musical galaico-portuguesa.

NOTICIAS VERÍN | A Eurocidade pon o foco na empregabilidade xuvenil durante a clausura...
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade