Venres. 29.03.2024
Berto e Fer, os dous compoñentes do dúo musical Verto, actuación que acolle o Auditorio o vindeiro día 7 de setembro, no seo do FIC Vía XIV de Verín.
Berto e Fer, os dous compoñentes do dúo musical Verto, actuación que acolle o Auditorio o vindeiro día 7 de setembro, no seo do FIC Vía XIV de Verín.

O amor pola medicina, a música e Santiago de Compostela uniu, no ano 2019, a Alberto Mira -Berto- e Fernando Peleteiro -Fer-. Estes dous mozos de 24 anos forman o dúo musical Verto, un referente para a mocidade e para a música moderna en galego. "Cando nos coñecemos descubrimos que a ambos nos gustaba a música e comezamos a facer improvisacións. Comezamos de broma", contan, nunha entrevista concedida a este medio.

Esa 'broma' está a piques de cumprir dous anos, con varios discos no mercado, moitos éxitos colleitados e centos de miles de reproducións en plataformas musicais. "Non pensamos chegar tan alto. O proxecto, dende o comezo, foi cara arriba pero isto xa é algo bastante tolo", afirman, cada vez menos sorprendidos. "Definímonos como un grupo pop, baseándonos en como soa e en que é un dos xéneros máis de moda"

Fer e Berto, do dúo musical Verto, no estudo de gravación.Fer e Berto no seu estudo de gravación.

Amparados por ese estilo, viron a luz xa oito singles e dous álbumes, o último, recén estreado. "Embora' foi un traballazo. Foi feito en moi pouco tempo, dende setembro ata xaneiro, e é especial porque son cancións cun estilo que recorda aos anos 80. Con esa sonoridade característica pero máis actual. Grupos internacionais como The Weekend ou Dua Lipa tamén están xogando con esa fusión", explican.

Declaración de intencións

Estes autodeclarados neofalantes -falan galego exclusivo dende hai dous anos- reivindican coas súas letras unha mellor condición da nosa lingua. "Escribir e cantar en galego é algo intencionado, un intento de cambiar a cultura galega con respecto á música e á arte en xeral. Non ter que xustificar por que está feita en galego, que sexa algo natural e non un impedimento", reivindican.

Pois misión cumprida. En tan curta vida xa foron quen de lograr que a súa música en galego chegara a grandes cidades de fóra das nosas fronteiras. "Estamos moi contentos pero sobre todo moi orgullosos", recalcan. "Tamén de que se nos identifique como un grupo para toda a familia, intentar chegar a un público máis amplo tal e como o estamos facendo. Que unha nai e un pai de familia tamén desfruten cos nosos ritmos", engaden.

Merecido descanso 

Hai uns meses, esta parella musical anunciaba un descanso indefinido a partir do vindeiro outubro, feito que entristecía a milleiros de fans. "Precisamos unhas boas vacacións sen ter que prometer nada. Non queremos dicir se imos volver ou non porque non o sabemos. Este grupo naceu dunha maneira orgánica, sen forzar, e nestes momentos a nosa música non sae dese mesmo xeito. Cando nos apeteza volver facela, se é que nos apetece, volveremos", reflexionan.

Polo momento non queren adiantar que lle depara a este grupo o futuro máis distante. O máis próximo, iso si, traeraos ata Verín o vindeiro día 7, cando, no seo do FIC Vía XIV, actúen en concerto. "Mola moito tocar en Verín, coñecendo lugares novos e, sobre todo, traballando por unha longa vida para a arte", conclúen.

NOTICIAS VERÍN | Berto e Fer, do dúo musical Verto: "Estamos orgullosos de que o noso...