viernes. 26.04.2024
Campamento de 2017 no Invernadeiro.
Campamento de 2017 no Invernadeiro.

O Concello de Verín recupera o seu campamento para a mocidade, que serán entre o 29 de agosto e o 3 de setembro. O lugar será en Alvarella Ecoturismo, un albergue ecolóxico en pleno Parque Natural das Fragas do Eume. Nun principio, a actividade estaba pensada para levarse a cabo no Parque Natural  do Invernadeiro, pero o grave impacto que deixo nel un lume declarado o mes pasado no que ardeu gran parte da súa superfice, obrigou a cancelala.

Ao campamento poderán anotarse rapaces de entre 8 e 12 anos, que xa poden anotarse de xeito presencial na Casa de Xuventude. As solicitudes aceptaranse por orde de presentación e pagamento ata cubrir as 30 prazas. A cota da estancia é de 165 € para os empadroados no Concello, e de 195 € para os non o están. O prezo inclúe a manutención en réxime de pensión completa, así como os materiais necesarios para as actividades. Ademais, contén un seguro de responsabilidade civil e accidentes, así como atención sanitaria se fose necesaria.

O plan deste campamento inclúe unha ampla cantidade e variedade de actividades que aproveitan o enclave natural do albergue. Practicaranse deportes como kaiak, escalada e tiro con arco, así como tamén actividades que requirirán o uso do sentido da orientación dos mozos. Outros exercicios serán slackline (paso por cinta tensa) e raid (combinación de dous deportes de resistencia). Tamén participarán en visitas culturais e lúdicas, como roteiros polo parque natural ou un paseo polo Castelo de Andrade.

A rapazada tamén terán tempo para o lecer. Os rapaces poderán descansar e divertirse na praia ou na piscina do albergue. Outras actividades que poderán facer son a estampación de camisetas ou vivac (acampada libre) no bosque. Ademais, moitas das comidas e ceas tomaranse de pícnic en excursións ou na praia. Polas noites, participarán nas chamadas veladas, tempo para falar, xogar, contar historias e coñecerse mellor. A última noite antes de marchar organizarán unha gran festa de despedida.

NOTICIAS VERÍN | O campamento do Concello traslada o seu destino ás Fragas do Eume