A Igrexa leva, dende hai un tempo, invertendo unha tendencia histórica en todo o país. Especialmente notable é na Diócese de Ourense onde, dende hai uns anos, levan incorporándose progresivamente párrocos doutras nacionalidades.
"Actualmente son seis que foron chegando en distintos intervalos de tempo e por circunstancias moi diferentes. Algúns xa estudaron no noso seminario e hai outros que se foron incorporando despois. A nosa Diócese está aberta a acoller a calquera sacerdote que teña todos os permisos en regra por parte do seu superior", afirma o Vicario de Pastoral, don Francisco Pernas.
Preguntado polo motivo, o Vicario responde rotundo. "Hai menos poboación e, dentro dela, moitas familias non crentes nas que nace xente nova tamén non crente", apunta. Consecuencia dun claro descenso das vocacións relixiosas, esta nova propensión achega tamén nocións positivas.
"Noutra época, eramos nós quen exportabamos misioneiros a outros países. Sobre todo de América Latina, aínda que tamén a África, Asia ou incluso Oceanía. Agora é ao revés pero non por iso ten que ser algo negativo. É unha riqueza para a Igrexa, traen novos valores, novas visións que nos axudan a saír das nosas comodidades e a pensar en novas inquedanzas", sentencia.
A súa chegada motívanos a sair da nosa zona de confort, a ter visións diferentes e novas inquedanzas (Don Francisco Pernas)
É o caso de don Omar Bello, de 37 anos e natural de San Timoteo, Venezuela. Leva seis anos adicado ao sacerdocio, case a metade en España, a onde chegou no 2019 por motivos de saúde da súa nai e escapando da cruda realidade do seu país. Despois de pasar por cidades como Santiago de Compostela, recaeu recentemente na Diócese ourensá, na que foi recibido cos brazos abertos. Agora, estrea parroquias -Oímbra, Queizás, San Cibrao, Feces de Cima, Tamagos, Tamaguelos e O Rosal- onde os veciños afirman estar "encantados" coa súa presenza.
Don Omar Bello, novo sacerdote de sete parroquias da comarca.
Un sentimento recíproco dende o pasado 11 de setembro, cando comezou a coñecer os seus novos destinos. "Ese día reinaron dúas emocións. Por un lado, estaban tristes pola despedida de Don Raúl (Afonso) porque compartiron moitos anos. Aínda así, recibíronme dunha maneira moi respectuosa, moi agradable. Foi unha benvida moi calorosa cunha disposición incrible. Estou moi agradecido", afirma o Padre. "Eu tamén lles trasladei que veño con moitas ganas e con moita forza de facer cousas grandes aquí", engade.
Non obstante, os feligreses mostraban unha 'preocupación' xeral. "Estaban un pouco asustados polo tema do idioma. Expliqueilles que teño facilidades co galego xa que en Venezuela hai moitos curas de por aquí e, máis ou menos, enténdoo. Quedaron tranquilos", afirma, rindo. "Iso si, para poñerme a falalo necesito algo máis de tempo", engade.
Tiven unha acollida incrible, respectuosa e moi agradable. Eu tamén veño con moitas ganas e con moita forza (Don Omar Bello)
Aínda que a súa chegada se deu por outras circunstancias, coincide coa idea de que existe unha redución de vocacións locais nos últimos tempos. "Os curas estranxeiros somos un auxilio e unha axuda para poder cubrir espazos aos que xa non chegan os nativos, porque hai escaseza, pero tamén é verdade que a Igrexa ten un forte sentido universal polo que podemos movernos polo mundo por decisión propia", afirma.
Os curas extranxeiros somos un auxilio para cubrir espazos aos que non chegan os nativos (Don Omar Bello)
Neste sentido, centra o seu discurso na xuventude, un punto clave para o futuro da relixión. "O meu reto principal é a integración de todas as persoas, pero, especialmente, conseguir que os nenos e os mozos atopen máis cercanía na Igrexa, ensinarlles que aquí poden atopar o rumbo e garantizar un futuro", explica.
Tal e como afirma, atopou el no seu día. "Eu crecín nunha familia moi ligada á Igrexa por diversas vías e o párroco que había onde eu vivía era un exemplo de vida. Un día dixen 'quero ser coma el'. Isto non é erguerse da cama e dicir 'quero ser cura'. É un proceso longo de adaptación, de dúbidas pero sobre todo de fe, que é a que me trouxo ata onde estou agora", conclúe.