miércoles. 09.10.2024
Algúns dos viños da D.O. presentes na "masterclass".
Algúns dos viños da D.O. presentes na "masterclass".

O Consello Regulador da D.O. Monterrei organizou en Ourense unha cita dirixida a sumilleres de establecementos de restauración e hostalería, así como a prensa especializada. A "masterclass" estivo composta por unha sesión formativa sobre o territorio, por unha cata de viños elaborados en Monterrei e a harmonías dos mesmos con diferentes elaboración gastronómicas realizadas polo chef Miguel González, do restaurante Miguel González que conta cunha Estrela Michelín.

Esta acción contou coa presenza de Lara Da Silva, presidenta do Consello Regulador; de Emilio González, subdelegado do Goberno en Ourense; e o senador Miguel Ángel Viso. Ademais, os sumilleres dos restaurantes A Taberna, El Artesano, O Pazo de Canedo, Nova, Grupo Hostelero A Mundiña e Taberna A Pulpería Ataranza participaron nesta iniciativa da D.O. A eles sumáronselle representantes de Carrefour Ourense, Carrefour Noroeste, C.F.P. Hostelería de Turismo e Industrias Alimentarias e xornalistas de diversos medios.

Por outra banda, as adegas que quixeron participar nesta actividade foron Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay Adegas de Oímbra, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada e Manuel Regueiro García.

Da Silva destacou que esta é a "segunda iniciativa destas características que facemos neste 2022,  tras a efectuada na Coruña, e a mesma permite un trato persoal e directo cos participantes nelas. Estas "masterclass" permiten que os participantes coñezan “in situ as peculiaridades que diferencian a Monterrei doutra denominación, así como permite descubrir as potencialidades dos nosos brancos e tintos con diferentes elaboracións gastronómicas, como as efectuadas nesta ocasión por Miguel González”.

O obxectivo deste tipo de actividades é estar máis preto da hostalería e das cadeas de distribución, "escoitando as súas necesidades e propostas, así como tamén construír ideas en conxunto que permitan crear sinerxias para o mercado da D.O. Monterrei", apuntou Da Silva. Outro dos beneficios é o de relacionarse con medios de comunicación, os que axudan na "promoción do noso selo de calidade".

NOTICIAS VERÍN | A D.O. leva a cabo unha "masterclass" sobre os seus viños en Ourense