martes. 23.04.2024
Cartel da charla-coloquio que ofrece mañá a Cruz Vermella en Verín.
Cartel da charla-coloquio que ofrece mañá a Cruz Vermella en Verín.

No marco de actividades organizadas con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, a Cruz Vermella ofrecerá este xoves unha charla-coloquio en Verín, en colaboración co Concello. A cita será na Casa da Cultura ás 19:30 horas e leva por título "Muller emigrante: dobre vida cara ao esquecemento". A ponente será Sonia Torre, xornalista, investigadora e experta en emigración e muller.

Ao longo da última semana, a entidade promoveu varias iniciativas en toda a provincia para visibilizar cómo existen outros factores, non só o xénero, cuxa intersección xeran discriminación e privilexios. A etnia, a ideade, a situación económica, a orientación sexual ou a orixe, entre outros, son algúns destes factores que poden posicionar ás mulleres en situacións de desventaxa, limitándoas no desenvolvemento das súas propias capacidades e do libre exercicio dos seus dereitos.

Propostas como a charla que terá lugar mañá en Verín, poñen de manifesto estes factores e invitan á sociedade a reflexionar e dialogar sobre eles. Baixo o lema "Somos una, somos todas", buscan concienciar sobre a necesidade de acadar unha igualdade plena de dereitos.

As actividades organizadas teñen por obxectivo sensibilizar sobre a situacións que atravesan moitas mulleres, especialmente aquelas con maiores dificultades sociais. No caso desta charla-coloquio porase o foco naquelas que son emigrantes, xa que ademais de ser mulleres, tamén se enfrontan a ter que desenvolver a súa vida lonxe dos seus países de orixe.

Cruz Vermella mantén o seu firme compromiso pola reivindicación da igualdade de oportunidades e de igualdade real das mulleres, para conseguir que todas poidan exercer plenamente os seus dereitos sexa cal sexa o factor que as atravese. Por iso lles brindan todo tipo de servizos sociais, dende o emprego ata o apoio nos casos de violencia de xénero, pasando polo acompañamento daquelas que foron vítimas da trata e de explotación sexual.

NOTICIAS VERÍN | Cruz Vermella aborda as dificultades que sofren as mulleres emigrantes