viernes. 03.05.2024
Jonatás Gago e Gerardo Seoane, cunha vella imaxe do interior do inmoble. | FOTO: Carlos Montero.
Jonatás Gago e Gerardo Seoane, cunha vella imaxe do interior do inmoble. | FOTO: Carlos Montero.

O futuro novo escaparate ao mundo dos viños de Monterrei contará con 500 m2, no que será o Centro de Difusión do Viño de Monterrei, na antiga adega de Recaredo Romero, nas traseiras do edificio modernista do mesmo nome. O recén nomeado presidente da D.O., Jonatás Gago, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, visitaron o espazo adquirido a semana pasada para comezar a traballar no proxecto.

Ambas institucións anunciaron que proximamente asinarán un convenio de colaboración para traballar conxuntamente no desenvolvemento desde importante proxecto para a comarca, e buscarlle a financiación adecuada a través dos fondos Next Generation. O centro, que terá acceso desde Luís Espada e tamén desde a Rúa Lisa, colaborará co Museo do Viño de Galicia e con varias obras sociais galegas. O Fondo de Cooperación de Rehabilitación da Xunta financia a compra do histórico inmoble.

Actualmente o viño”, afirmou Seoane, “é un dos maiores activos de futuro de Monterrei”, polo que contar cun centro punteiro que explique e difunda o valores das nosos caldos “é unha prioridade e unha obriga para todos os que creen no desenvolvemento da comarca”.

O futuro Centro de Difusión dos Viños de Monterrei estará ubicado nas antigas adegas de Recaredo Romero, nas que se forxou o xermolo da que foi a Cooperativa de Monterrei e, indirectamente, da actual D.O. O espazo a acondicionar serán máis de 500 metros cadrados, nos que se perfila o destino para unha gran sala técnica de cata, ademais de espazos para promocionar os caldos.

Histórico inmoble

 

O Concello de Verín adquiriu días atrás oficialmente o histórico inmoble, financiado integramente polo Fondo de Cooperación para o Apoio ao Financiamento de Actuacións de Rehabilitación e Conservación do Patrimonio Construído en Concellos de menos de 50.000 habitantes, da Xunta de Galicia, cun crédito para amortizar a sete anos.

Gerardo Seoane explica ao presidente da D.O. a súa idea de rehabilitación do interior do histórico edificio. | FOTO: Carlos Montero.
Gerardo Seoane explica ao presidente da D.O. a súa idea de rehabilitación do interior do histórico edificio. | FOTO: Carlos Montero.

O empresario Recaredo Romero foi un pioneiro na modernización do viño de Monterrei, e xogou un papel fundamental na creación da Cooperativa de Monterrei. Agora, a súa adega comercial, ubicada na parte posterior do complexo comercial dos Almacén Recaredo Romero, albergará un pioneiro Centro de Difusión do Viño de Monterrei, dentro do conxunto de instalacións do novo Museo de Verín.

Unha exposición interactiva dos viños de Monterrei, unha moderna sala de cata e presentación de viños e cursos, un espazo adicado aos emprendedores e adegueiros de Monterrei e un espazo de mostras, susceptible de converterse en plataforma comercial, serán os eixos dun centro do viño que será punteiro en toda España.

Neste sentido, o novo centro museístico tentará repetir o éxito da anterior sede na Mercé, que propiciou máis dunha ducia de exposicións sobre a orixe do viño en Monterrei, os seus identificadores aromáticos, técnicas de cata e cursos da Universidade Nacional a Distancia, logrando unha ampla afluencia de público e varias nominacións a premios e citas mesmo na revista National Geographic.

O novo museo profundizará na colaboración co Museo do Viño de Galicia para a realización de actividades formativas e de divulgación dos viños de Monterrei, albergando exposicións e cursos que sirvan para ampliar a cultura enolóxica na nosa comarca.

NOTICIAS VERÍN | Un convenio entre Concello de D.O. impulsará o novo Centro de Difusión...