O Festival Internacional Rebulir da Cultura Galega deu a coñecer a lista de nominados para a 11ª edición dos seus premios. Entre os candidatos volve estar presente o Conservatorio de Música de Verín (CMUS), que repite na listaxe da categoría Homenaxe. O certame recoñece unha vez máis a labor do CMUS no ámbito da promoción cultural a través de todas as actividades e formacións que levan a cabo.
O centro comparte categoría con nomes como o de Xosé Luis Méndez Ferrín e tamén con agrupacións como poden ser a Banda de Música de Celanova ou a Asociación Ourensá de Folclore Tradicional, entre outras. En total, 13 candidaturas optarán ao Premio Homenaxe de Rebulir, que será entregado durante a celebración do festival entre os días 15 e 18 de decembro. Desde o CMUS califican de "grandísima honra" esta nova nominación.
En 2021, o Conservatorio de Música de Verín apareceu por primeira vez na listaxe de cadidatos de Rebulir. Non levou o premio, que foi para Anxo Angueira Viturro, pero foi un indicio de que as cousas se están a facer ben nun centro que próximamente comezará o seu terceiro ano con formacións de carácter profesional no ámbito da música.
O CMUS, xunto coa aportación da súa Asociación de Nais e Pais e de toda a comunidade educativa, expandiron as súas actividades fóra do centro con concertos nas rúas e moitas outras iniciativas que complementan a parte lectiva das aulas. O Festival Internacional Rebulir valora, con esta nova nominación, os esforzos da comunidade do CMUS durante todo o ano.