martes. 30.04.2024
A temática do pincho será libre. | FOTO: Noelia Caseiro.
A temática do pincho será libre. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Concello de Verín vén de publicar as bases de participación da primeira edición do concurso gastronómico "Pincha no Lázaro". O mesmo, destinado á participación de todo o tecido hostaleiro da vila, terá lugar nos días 14, 15 e 16 de marzo, coincidindo coa celebración das festas patronais de San Lázaro.

Segundo explicou Manuel Lorenzo, responsable do área de Feiras, Transportes e Xuventude, esta iniciativa ten como principal obxectivo dinamizar o sector hostaleiro do municipio e promover a rica e variada oferta gastronómica local. "Buscamos pór en valor a creatividade culinaria dos participantes e fomentar o turismo gastronómico na nosa vila".

A temática dos pinchos é libre e os prezos das elaboracións gastronómicas serán de 2,50 euros. Poderase presentar un só pincho por establecemento hostaleiro, sendo obrigatorio que cada participante envíe á organización unha foto do seu prato para a súa posterior promoción a través das redes sociais municipais.

Para formalizar a inscrición, os establecementos hostaleiros deben enviar un correo electrónico a [email protected] ou un whatsapp ao número de teléfono 687 584 342 cos seguintes datos: nome do establecemento hostaleiro, nome e apelidos e teléfono da persoa responsable, unha foto do pincho e un nome para o mesmo. A data límite para a inscrición será o día 5 de marzo ata as 20:00 horas.

Os restaurantes e bares participantes recibirán unhas papeletas numeradas que entregarán con cada consumición aos seus clientes. O xurado será popular, indicando cada persoa a súa valoración (1 a 5 puntos) do pincho e entregándoa nun buzón que terán á súa disposición todos os locais adheridos ao concurso.
 

Entre todas as papeletas depositadas sortearanse unha cesta de produtos da comarca e un bono de 100 euros para gastar en calquera dos establecementos da hostalería que participaron no primeiro concurso "Pincha no Lázaro" de Verín. O establecemento hostaleiro gañador recibirá un diploma acreditativo de ser campión do primeiro concurso gastronómico do Lázaro. O sorteo terá lugar o domingo 17 de marzo na Feira do Lázaro.

NOTICIAS VERÍN | O Concello chama aos hostaleiros a participar no primeiro "Pincho Lázaro"