viernes. 19.04.2024
Aspecto actual do Támega ao seu paso pola vila. | FOTO: Carlos Montero.
Aspecto actual do Támega ao seu paso pola vila. | FOTO: Carlos Montero.

O Concello de Verín vén de rematar as accións de limpeza do tramo urbano do leito do río Támega ao seu paso pola vila, nas zonas situadas entre a ponte de Verín e a localidade de Pazos.

As actuacións realizadas tiveron por obxecto levar a cabo as medidas de protección necesarias no leito do río Támega para a súa conservación e mantemento, coa finalidade de previr futuros problemas de cheas invernais e consolidar un caudal mínimo continuo ao longo do tramo urbano do río Támega.

Os traballos consistiron na limpeza e roza selectivos, utilizando tratamentos silvícolas (que favorecen o crecemento das especies que forman o bosque de ribeira) de ambas as marxes do tramo urbano que engloba desde a represa da zona do Olivar ata a Ponte de Melo, así como na retirada selectiva de sedimentos nas zonas necesarias.

Esta actuación executouse tras recibir a pertinente autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Douro na que se especifica que "non causa prexuízo á integridade do espazo, non afecta de xeito significativo a hábitats prioritarios ou a núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación ou elementos da paisaxe que revistan unha importancia fundamental para os compoñentes da biodiversidade".

"Esta é unha actuación preventiva máis das que vimos realizando desde o Concello de Verín, previa autorización de Confederación Hidrográfica do Douro, en zonas onde a acumulación de grava, broza e sucidade converten certas zonas do leito do río Támega en puntos de perigo de inundación", explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo.

NOTICÍAS VERÍN | O Concello conclúe a limpeza do río entre Verín e Pazos para previr cheas