Venres. 29.03.2024
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, na xuntanza desta mañá con Pilar García e José Manuel López. | FOTO: M. D.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, na xuntanza desta mañá con Pilar García e José Manuel López. | FOTO: M. D.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, recibiu esta mañá a Pilar García e José Manuel López, dous veciños de Verín que están a unir as súas forzas para conseguir un Punto de Encontro Familiar na vila. Estas dúas persoas, con situacións de vulnerabilidade familiar, vense na obriga de desprazarse ata Ourense, único lugar da provincia que conta cun destes Puntos, para facer uso do seu servizo. "No mellor dos casos son oito horas de viaxe á semana", lamenta José Manuel. "Eu levo xa cinco anos loitando contra esta situación", engade.

 

Por iso, o Concello está mans á obra para evitar este tipo de desprazamentos innecesarios. O proxecto xa está en marcha e "todos os erros que sexan subsanables, subsanaranse", aclara Seoane. Segundo afirman fontes municipais, o último paso para a aprobación pasaría por presentar algúns documentos pendentes que solicitou a Consellería de Política Social. Para obter máis información acerca da súa creación, está prevista unha nova reunión entre os interesados e o rexedor o vindeiro luns día 16.

Que son os PEF?

Estes centros, que facilitan a relación entre os menores e as súas familias en situación de crise, son unha ferramenta fundamental para a seguridade dos cativos. Para lograr o seu obxectivo, Pilar e José Manuel levaron a cabo dúas xornadas de recollida de sinaturas nunha das rúas máis céntricas de Verín. "Non as contei pero xa temos moitas", afirma José Manuel. "Moita xente veu asinar a propósito. Coñezo moitas desas historias persoais polo que non existe só a miña. É unha necesidade", remata.

Pola súa banda, Pilar afirma "eu, que particularmente acudo ao de Ourense, póñome na pel de todas as familias da comarca que precisan deste servizo e por iso estou aquí".

De ser creado, facilitaría unha mellor conciliación das familias e unha comodidade para os cativos. Tamén no eido administrativo, no que os trámites poderían resultar máis áxiles.

NOTICIAS VERÍN | O Concello avanza na creación dun Punto de Encontro Familiar