sábado 16/10/21
O obxectivo é mellorar o saneamento das augas de forma conxunta

NOTICIAS VERÍN | Comezan os trámites para constituír un consorcio de augas na comarca

Á reunión acudiron os alcaldes das comarcas de Conso-Frieiras e Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Á reunión acudiron os alcaldes das comarcas de Conso-Frieiras e Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A idea da constitución dun consorcio de augas na comarca xa está en marcha. Esta mañá, celebrouse a segunda reunión para o seu establecemento na Casa da Cultura de Verín. Ao acto acudiron tódolos alcaldes da comarca, os homólogos dos municipios de Conso Frieiras e o rexedor de Viana do Bolo.

Unha iniciativa, aínda en negociación, que se considera como "un instrumento fundamental xa que tódolos problemas dos pequenos concellos ligados ao ciclo da auga van ser atallados de mellor maneira en conxunto".

Pola súa parte, o alcalde de Viana, Abelardo Carballo, afirmou a Diario do Támega que "Viana está interesada neste proxecto porque temos que estar cos nosos veciños. Nós xa temos unha empresa concesionaria que nos leva o abastecemento e a depuración pero os problemas que temos todos son iguais e temos que buscar solucións en común".

Vimos vontade por parte de todos para lograr un consenso e que se poida constituír coa máxima brevedade, aínda que isto leva o seu tempo (Abelardo Carballo, alcalde de Viana)

Estamos estudando a posibilidade da creación entre todos e imos avanzando coas reunións (Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra)

O obxectivo deste consorcio, similar ao que xa funciona na comarca de Valdeorras, é optimizar o saneamento das augas. Para iso, vaise comarcalizar o ciclo hidráulico con vistas a unha mellor xestión na asistencia e prestación dos servizos, sobre todo na evacuación e tratamento de augas residuais. Tamén se basea nun maior aforro e unha mellor eficiencia na atención ao cidadán. O proxecto está liderado pola Deputación Provincial de Ourense, representada neste acto polo deputado Pablo Pérez

NOTICIAS VERÍN | Comezan os trámites para constituír un consorcio de augas na comarca
comentarios