Esta mañá deu comezo en Verín a segunda edición do curso de formación en Internet e telefonía móbil dirixido ás persoas maiores. Organizado polo Concello de Verín a través do proxecto "Cara a conquista do benestar", forma parte do programa Voluntariado Sénior da área de Benestar Social. Unha trintena de maiores participan nesta iniciativa, que busca seguir reducindo a fenda dixital xeracional e mellorar a calidade de vida deste colectivo.
O obxectivo principal do curso é proporcionar coñecementos necesarios para utilizar de forma autónoma e segura dispositivos móbiles, como smartphones e tablets; mellorando para as persoas que participan o seu acceso á información, a súa interacción nas redes sociais e a súa capacidade para realizar xestións administrativas, financeiras e de saúde.
Durante o curso, os asistentes aprenderán a realizar accións básicas, como facer chamadas, enviar mensaxes, gardar contactos e sacar fotos, ademais de navegar por Internet e utilizar aplicacións específicas para maiores. A formación segue unha metodoloxía práctica, na que cada quen leva o seu propio dispositivo, facilitando a aprendizaxe diaria e a utilización da ferramenta que xa teñen.
Colaboración coa Garda Civil
Como parte do programa, a Garda Civil de Verín tamén participará impartindo charlas informativas sobre a seguridade en Internet, abordando temas como a prevención de delitos informáticos, a protección da identidade dixital e a seguridade nas operacións bancarias en liña, un aspecto clave ante o crecemento da banca dixital. Estas sesións buscan concienciar ás persoas maiores sobre os riscos asociados ao uso da tecnoloxía e axudalas a previr fraudes e estafas.