jueves. 18.04.2024
As obras comezaron polo estacionamento dos traballadores.
O estacionamento dos traballadores xa está pechado para que comecen as obras.

Coa colocación hoxe do valado que pechará o perímetro da área de construción do futuro edificio de urxencias e a instalación das casetas de obra dan comezo as esperadas obras de ampliación do Hospital Público de Verín, adxudicadas a Elecnor Servizos e Proxectos, S. A. U., nas que a Xunta de Galicia invirte un importe de 3,9 millóns de euros e permitirán realizar ademais outras actuacións de mellora enerxética, cun prazo de execución de 11 meses.

 

Hoxe tamén está previsto que os adxudicatarios das obras procedan á retirada da cuberta do aparcadoiro de persoal, que se sitúa dentro da área de obras e que quedará pechada nos próximos días por seguridade. Por elo, desde a dirección do Distrito Sanitario solicítase a colaboración dos profesionais para reservar as áreas de aparcamento máis próximas á entrada para os pacientes.

 

De planta baixa e cunha superficie de 1.488 metros cadrados, o novo edificio mellorará a funcionalidade destes dous servizos de atención ás urxencias da bisbarra de Monterrei: o Punto de Atención Continuada (PAC) atendido polo persoal de Atención Primaria e o Servizo de Urxencias, facilitando a súa coordinación, mediante unha distribución que permitirá xerar distintos circuítos para a atención dos pacientes. Ademais, o seu deseño inclúe, por vez primeira nunha área de urxencias, o dobre circuíto para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria.

NOTICIAS VERÍN | Comeza a construción do edificio das novas urxencias do Hospital