viernes. 19.04.2024
Rúa Maior de Verín. | FOTO: M. D.
A rúa Maior de Verín, vítima de roubos nos últimos días. | FOTO: M. D.

A rúa Maior de Verín loce dende hai un tempo máis bonita ca nunca. Os comerciantes da zona, xuntos nunha agrupación, traballan cada día para manter o lugar o máis acolledor posible. Non obstante, levan meses loitando contra o roubo e o deterioro da maioría da ornamentación que colocan. "Facémolo con moita ilusión, queremos ter a rúa bonita porque traballamos aquí. Pintamos as paredes, as macetas e pagamos todo cos nosos cartos. Non nos parece xusto que nos fagan isto" afirma Marisol López, dona da zapatería Arcos. Nesa mesma idea coincide Ángeles Diz, de calzados Salgado, que engade "A xente que o leva igual pensa que o paga o concello pero pagámolo nós. Xa perdemos a conta de todo o que nos quitaron"

0763D939-8AE5-4CFD-AC24-B805EB615380Marisol López e Ángeles Diz, donas de dous dos comercios da rúa Maior, con algúns dos seus adornos. | FOTO: M. D.

Dende hai varias semanas son conscientes dun incremento da delincuencia con respecto a meses pasados. "No momento en que se levantou o toque de queda notamos como nos iban faltando cousas. Pero a nós no Nadal xa nos roubaran a cabeza dun reno, varios botes decorativos, xarras... xa sabemos que o que poñamos vano levar", resígnase Esther Gómez, de Pato Joyeros. "O outro día si que me fixei que faltaba unha parte das árbores das paredes, pero non lle din importancia. Agora sei por que faltan certas cousas", conta Yolanda González, dona do salón de beleza Imaxe. 

IMG-4740-minAs flores e macetas son os obxectos preferidos dos ladróns. | FOTO: M. D.

Grazas á presenza de cámaras de videovixilancia dun dos comercios, conseguiron identificar aos ladróns que teñen un curioso modus operandi. "É unha parella nova, veñen de madrugada cun carro de bebé para disimular, supoñemos que sen bebé, onde van gardando todo o que nos rouban", di Marisol. María Carnero, da perruquería María, tamén foi vítima destes furtos e afirma "non só me teñen levado prantas e macetas, senón que xa por dúas veces mos romperon para deixarme sen ningún". Pola súa parte, Noa Lombao, filla da dona da perruquería Eva, afirma que "a miña nai tivo que deixar de poñelos porque cada día desaparecían".

Os comerciantes móstranse molestos coa situación e advirten: "Imos darlles un tempo para que o devolvan e senón a próxima semana poremos unha denuncia". Polo momento, a pesar de ser branco de subtracción, descartan deixar as tarefas de ornamentación porque afirman "traballar a gusto e nun ambiente bonito é o máis importante para nós".

NOTICIAS VERÍN | Comerciantes da rúa Maior denuncian o roubo de elementos de decoración