A vacinación da cuarta dose da covid nas residencias sociosanitarias comezou esta mañá coa inoculación dunhas 3.700 persoas en toda Galicia. Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras máis de 500 usuarios recibiron a vacina por cuarta vez nesta primeira xornada.
Os equipos de vacinación visitaron as residencias do Barco, Celanova, A Bola, Verea, Amoeiro, Coles, Esgos, Parada de Sil, Castro Caldelas, Melón Avión e Castro Caldelas. Os centros da comarca de Monterrei terán que esperar para recibir ós sanitarios que inocularán ós seus usuarios, tanto da covid como da gripe se así o deciden.
Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, estivo na residencia Porta do Camiño de Santiago para dar inicio a esta no fase da campaña de vacinación. Con el estiveron Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública; e Antón Acevedo, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Consellería de Política Social e Xuventude.
A previsión que manexan dende Sanidade é que este proceso dure unhas dúas semanas, nas que contan con vacinar da cuarta dose da covid 22.000 usuarios de centros sociosanitarios galegos. O seguinte paso será ampliar o proceso para o resto da poboación maior de 60, priorizando a aqueles que superen os 80. Neste caso volverase dispoñer dos grandes recintos de vacinación, Expourense no caso de Ourense, e na comarca o Hospital de Verín seguirá sendo a referencia.
Unha vez rematada a vacinación da poboación maior de 60 anos, procederase cunha nova inoculación para outro grupo de risco. Este será o do persoal sanitario e o das residencias de maiores ou de discapacidade. Todos recibirán a dose dunha vacina que contén as variantes BA.4 e BA.5 de Omicron.
Catro ingresados no Hospital de Verín
A última actualización dos datos sobre a covid na provincia de Ourense contabiliza 247 persoas contaxiadas. Delas, 31 atópanse ingresadas nos hospitais da área sanitaria. En Verín, aténdense a catro pacientes, os mesmos que hai no Barco. No caso do CHUO, 22 persoas están hospitalizadas en planta e unha na UCI. No tocante ós concellos da comarca, só Oímbra e Vilardevós non rexistraron ningún novo positivo nos últimos sete días, segundo os datos da Consellería de Sanidade.