sábado. 04.05.2024
Cartel da estrea de "Pretérito imperfecto".
Cartel da estrea de "Pretérito imperfecto".

O vindeiro sábado 23 de setembro, ás 20:00 horas, o Auditorio de Verín acollerá a proxección da estrea mundial da película "Pretérito imperfecto"; dirixida, guionizada e producida polo cineasta Plácido Romero.

A película baséase na recuperación de apuntamentos e material compilado por Xan Moreno, a quen se dedica este traballo postumamente. Seguindo as directrices de Moreno, a película convida a explorar un documental que non puido completar debido á súa morte prematura. Esta obra propón unha conmovedora travesía a través do espazo e do tempo, de volta á infancia no pobo de Verín. A misión é descubrir as razóns detrás dos diversos destinos dos compañeiros de xeración que aparecen nunha fotografía escolar da década de 1950, que inexplicablemente foi destruída. A reconstrución desta imaxe proporcionará as primeiras pistas sobre os futuros que, naquela época, eran descoñecidos para os retratados.

"Esta peza documental presentará varias lecturas que invitan a reflexión acerca de por que somos como somos, do valor dos recordos, das arestas da nostalxia, de opinións contrapostas, da relación co paso do tempo, da evolución persoal e social de aqueles fillos de excombatentes da Guerra Civil, vítimas da escarlatina, do sarampelo, da varicela e de autoritarismos. E todo dentro dun esquema cinematográfico coas súas elipses, flashbacks, contradicións, enigmas, e por suposto imperfeccións, porque nada é perfecto", din dende o entorno do director Plácido Romero.

A duración da película é de 65 minutos, e despois da proxección (que será de balde), levarase a cabo un coloquio no que os asistentes terán a oportunidade de expresar as súas visións e opinións sobre a película e os temas que aborda.

NOTICIAS VERÍN | O cineasta Plácido Romero estrea o filme "Pretérito imperfecto" no...