sábado 16/10/21
O Concello, máis que satisfeito do éxito da primeira edición

NOTICIAS VERÍN | As cifras da festa da cervexa: 4.500 asistentes e 125 barrís

Imaxe capturada dende o dron, o pasado sábado, da carpa da Festa da Cervexa.
Imaxe capturada dende o dron, o pasado sábado, da carpa da Festa da Cervexa.

As cifras falan por si soas e deixan ben claro que a primeira edición da Festa da Cervexa, organizada polo Concello de Verín, vén para quedar. Tras dous intensos días de celebración, a organización pechou este domingo a gran carpa instalada na Preguiza cun balance "moi positivo". Así o confirmou este mércores o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen afirmou que se abriron un total de 125 barrís de cervexa para servir aos máis de 4.500 asistentes que visitaron o recinto os días 8 e 9 de outubro.

"Calculamos que durante estes dous días pasaron pola carpa unhas 4.500 persoas. Facemos esta estimación en base á ocupación da carpa así como polas entradas vendidas para os concertos. É necesario destacar o cheo absoluto que experimentou o recinto nas horas de máxima afluencia, sendo necesario limitar temporalmente o acceso para garantir o cumprimento do aforo permitido", aclarou Gerardo Seoane.

"Moi positiva" foi tamén a valoración final realizada polas empresas responsables de instalar os postos gastronómicos na festa. "Segundo a enquisa realizada", explicou Gerardo Seoane, "todos os participantes confirman un rotundo éxito de vendas. Como datos representativos podemos confirmar que, nos dous días de celebración, vendéronse máis de 1.000 salchichas, 400 kg de polbo e 50 kg de carne ao caldeiro".

Ademais das degustacións gastronómicas e cervexeiras, a festa incluíu na súa programación dous concertos de primeiro nivel: o venres 8 de outubro, Ortiga, e o sábado 9, MITIC - O Espectáculo. Ambos concertos colgaron o cartel de cheo, dentro do aforo permitido pola actual situación sanitaria.

NOTICIAS VERÍN | As cifras da festa da cervexa: 4.500 asistentes e 125 barrís
comentarios