domingo. 28.04.2024
Interior do vello Almacéns Recaredo Romero, que pasará a ser o novo Museo de Verín. | FOTO: Carlos Montero.
Interior do vello Almacéns Recaredo Romero, que pasará a ser o novo Museo de Verín. | FOTO: Carlos Montero.

Verín multiplicará expoñencialmente o seu papel de escaparate ao mundo dos viños de Monterrei cos 500 m2 do Centro de Difusión do Viño de Monterrei, que se ubicará na antiga adega de Recaredo Romero, nas traseiras do edificio modernista do mesmo nome. O novo Museo de Verín dotarase tamén de fondos propios co patrimonio da comarca, coleccións únicas e un centro de divulgación medioambiental do Val do Támega.

O Concello de Verín adquiriu este luns oficialmente o histórico inmoble, financiado integramente polo Fondo de Cooperación para o Apoio ao Financiamento de Actuacións de Rehabilitación e Conservación do Patrimonio Construído en Concellos de menos de 50.000 habitantes, da Xunta de Galicia, cun crédito para amortizar a sete anos.

Fachada de Almacenes Recaredo Romero, en la avenida Luis Espada de Verín.
Fachada de Almacéns Recaredo Romero, na avenida Luís Espada de Verín.

O empresario Recaredo Romero foi un pioneiro na modernización do viño de Monterrei, e xogou un papel fundamental na creación da Cooperativa de Monterrei. Agora, a súa adega comercial, ubicada na parte posterior do complexo comercial dos Almacén Recaredo Romero, albergará un pioneiro Centro de Difusión do Viño de Monterrei, dentro do conxunto de instalacións do novo Museo de Verín.

Unha exposición interactiva dos viños de Monterrei, unha moderna sala de cata e presentación de viños e cursos, un espazo adicado aos emprendedores e adegueiros de Monterrei e un espazo mostral, susceptible de converterse en plataforma comercial, serán os eixos dun centro do viño que será punteiro en toda España.

Os viños de Monterrei son un dos valores do futuro económico da comarca”, afirmou o alcalde, Gerardo Seoane, “e o mellor favor que podemos facerlle desde a capital comarcal é ensinarllos e explicarllos a todos e cada un dos visitantes que pasan pola vila”.

Neste sentido, o novo centro museístico tentará repetir o éxito da anterior sede na Mercé, que propiciou máis dunha ducia de exposicións sobre a orixe do viño en Monterrei, os seus identificadores aromáticos, técnicas de cata e cursos da Universidade Nacional a Distancia, logrando unha ampla afluencia de público e varias nominacións a premios e citas mesmo na revista National Geographic.

Novos ámbitos expositivos

O edificio Recaredo Romero proporcionará 1.042 metros cadrados útiles para os novos espazos expositivos de Verín. Logo do exitoso xermolo que supuxeron os primeiros cinco anos co antigo museo ubicado na Mercé, con máis de 33.000 visitantes, o co valor como atractor turístico e difusor da identidade de Monterrei como obxectivo, o novo Museo de Verín comezará a elaborar a súa propia colección de elementos patrimoniais da comarca, para a súa conservación e divulgación no propio territorio.

Unha das caixas rexistradoras que aínda se conservan no interior do edificio. | FOTO: Carlos Montero.
Unha das caixas rexistradoras que aínda se conservan no interior do edificio. | FOTO: Carlos Montero.

Así, tomando como referencia as pezas que no seu día catalogaron os arqueólogos Nieves Amado e Alberte Reboreda no libro publicado polo Concello de Verín “A historia de Verín en 100 obxectos”, o novo Museo de Verín comezará unha ambiciosa recompilación de pezas patrimoniais da comarca para a súa custodia, exhibición e conservación.

Ademais da colección permanente de patrimonio para conservar a memoria da comarca, os espazos adicados á divulgación gardarán un apartado especial á obra de Taboada Chivite, Eloi Lois André e outros investigadores de Verín, difundindo e integrando nos fondos permanentes as súas obras principais e os elementos orixinais susceptibles de seren conservados.

O novo centro, que compoñen dúas salas de exposición na primeira e segunda planta, máis os espazos superiores, contará 1.042 metros cadrados para a exhibición das coleccións permanentes e das mostras temporais. O edificio modernista é unha das xoias do arquitecto Daniel Vázquez Gulías, autor entre outros do Balneario de Cabreiroá e do da illa da Toxa, e está “chamado a ser un importante atractor turístico para Verín”, segundo o alcalde, “ademais de servir de plataforma para orientar e redirixir aos visitantes cara os recursos da comarca de Verín”.

O inmoble xa propiedade do Concello de Verín presenta un bo estado interior. | FOTO: Carlos Montero.
O inmoble xa propiedade do Concello de Verín presenta un bo estado interior. | FOTO: Carlos Montero.

Ademais da conservación e da divulgación do importante patrimonio da comarca, o Museo de Verín asumirá a función da dinamización medioambiental, grazas á unhas instalacións con moitas máis posibilidades e espazo que no antigo centro.

Espazo de concertos acústicos

Como complemento a estas actuacións, o novo Museo de Verín contará cun auditorio ao aire libre no patio dos antigos almacéns Recaredo Romero, ao carón do Centro do Viño e por tras das instalacións museísticas, destinado a actuacións musicais ou formativas, que terán un atractivo dinamizador para o casco vello.

Nese sentido, cabe destacar que un dos principais activos do museo será albergar unha importante colección musical que fará de Verín un dos referentes internacionais da música folk. Trátase do Centro Internacional da Cornamusa, que acollerá a maior colección de gaitas do mundo, con exemplares centenarios e modernos, procedentes de máis dun cento de países onde este instrumento ten unha fonda tradición.

Parte posterior dos Almacéns Recaredo Romero, na rúa Luís Espada de Verín. | FOTO: Carlos Montero.
Parte posterior dos Almacéns Recaredo Romero, na rúa Luís Espada de Verín. | FOTO: Carlos Montero.

Esta colección procurará converter a Verín nun referente internacional da música tradicional do Arco Atlántico europeo, así como da cultura e da difusión do folclore europeo. O museo albergará unha exposición permanente da que posiblemente é a colección privada máis importante de gaitas do mundo, xunto con importante documentación, fondos sonoros e manifestacións artísticas relacionadas, que servirán para crear o Museo Internacional da Gaita.

O consistorio e Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, ultiman un modelo de cooperación para acoller tan importante fondo -que abrangue os mellores estudos, documentación e gravacións da historia da música folk galega desde que o histórico estudoso Fourier comezase a recompilar as cantigas tradicionais con notación musical- que permita albergar, conservar, difundir e interpretar os centos de pezas que abrangue a colección.

NOTICIAS VERÍN | Viño, cornamusas, auditorio interior e un fondo bibliográfico de...