domingo. 19.07.2026
O programa busca facilitar o descanso das persoas coidadoras non profesionais

NOTICIAS VERÍN | O centro de día Solleira ofrece apoio e xestión para as axudas de "Respiro familiar"

Solleira comida-7
Solleira oferta prazas para a modalidade "Respiro en centro de día", que contará con achegas de ata 1000 euros.

Maña ábrese o prazo para solicitar as axudas de "Respiro familiar"; un programa que busca facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras non profesionais que teñen ao seu cargo persoas en situación de dependencia ou con discapacidade. Ata o vindeiro 15 de outubro poderán solicitarse unhas axudas que subvencionan os gastos xerados no ano 2025 dos servizos que se desenvolvan no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 21 de novembro de 2025. 

O Centro de Día municipal de Verín, Solleira, ofrecerá un servizo de información e xestión das axudas para todas aquelas persoas interesadas. Así, habilita un espazo para informar sobre os requerimentos necesarios para poder optar ás diferentes tipoloxías de axudas que contempla o programa "Respiro Familiar". Atenderán ás persoas interesadas tódolos días, de 10 a 12 horas, ben presencialmente ou chamando ao teléfono 988 41 33 80

Modalidade de axuda e contía

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión destas axudas económicas destinadas a persoas coidadoras neste 2025. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes -nos graos II e III- ou con discapacidade -en grao igual ou superior ao 75 %- ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

O programa Respiro familiar contempla tres tipos de axudas diferentes. Por unha banda, a modalidade "Respiro no fogar" consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano, para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio. Pola outra, a modalidade "Respiro en centro de día" é unha axuda para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día; pode acadar ata o 100 % do custo, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano. Finalmente, a modalidade "Respiro en residencia" pode acadar ata un máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano para contribuír ao pagamento do centro residencial ante unha necesidade puntual.

NOTICIAS VERÍN | O centro de día Solleira ofrece apoio e xestión para as axudas de...