martes. 30.04.2024
2023 10 28 castrelo campamento espeleoloxía02
O Campamento de veteranos celebra a súa quinta edición percorrendo o patrimonio subterráneo da comarca de Verín.

A riqueza natural que ten a nosa contorna non só está no exterior, a bisbarra conta cun patrimonio subterráneo digno de estudo e de coñecemento. Son moitas as persoas que investigan e percorren as terras da comarca para analizar covas, canóns, minas ou construcións subterráneas singulares que perfilan o territorio.

Entre eles, as arqueólogas Nieves Amado e Bea Comendador e mesmo o forense Fernando Serrulla, quen levan anos divulgando a riqueza paisaxística e patrimonial da comarca. Pero non son as únicas que colaboran coa Federación Galega de Espeleoloxía, entidade que está traballando na creación do "Atlas de Covas e Canóns de Galicia" e que xa ten inventariadas 37 covas e minas da bisbarra.

par_OBoqueiro_RiosOurense
O Boqueiro, no Riós, cavidade paracárstica incluída no Atlas de Covas e Canóns de Galicia.

En total, 24 persoas da bisbarra facendo traballo de campo, falando coa veciñanza e buscando covas, minas, afloramentos singulares e potenciais xeosites, zonas que podan ser declarados coma Lugar de Interese Xeolóxico Internacional. Todo iste traballo vaise ver reflectido ista fin de semana no Campamento de Veteranos da Federación Galega de Espeleoloxía.

Unha xuntanza que se celebrará ó longo de dous días, 28 e 29 de outubro, nos que teñen organizados roteiros de expedición para visitar diferentes cavidades e minas en equipos de exploración e topografía. Con base en Castrelo do Val, o campamento é o momento máis oportuno para a entrega de galardóns ás persoas federadas dende hai 25 anos, un emotivo acto de agradecemento pola implicación na divulgación do patrimonio natural.

Como actividade previa ó encontro de veteranos, a Federación Galega de Espeleoloxía vai organizar unha conferencia para explicar cal é a riqueza do patrimonio subterráneo da bisbarra. Será o venres, 27 de outubro, a partir das 19h. na Casa da Cultura do Concello de Verín.

NOTICIAS VERÍN | Veteranos da espeleoloxía instalan o seu campamento na bisbarra