jueves. 18.04.2024
O branco de Monterrei coa etiqueta do Acio de Ouro 2022.
O branco de Monterrei coa etiqueta do Acio de Ouro 2022.

"Que un viño de Monterrei, da denominación máis xoven galega, veña de imporse a albariños ou a godellos de Valdeorras, ademais de ser unha auténtica honra e un merecido recoñecemento á nosa adega por todo o esforzo destes anos, tamén é a constatación dun convencimiento que sempre tiven, que os viños de Monterrei son de altísima calidade e poden competir e superar a outros que custan 30 ou 40 euros a botella. Estou moi feliz". Quen fala é un orgulloso empresario e xerente de Tapias Mariñán, Aníbal Blanco, que no momento de descolgar o seu móbil regresaba aínda de Boqueixón (A Coruña), municipio onde esta tarde se coñecía a lista dos mellores viños galegos deste 2022, que outorgaba a Quinta das Tapias o Acio de Ouro ao Mellor Viño Branco de Galicia

A satisfacción que amosaba o adegueiro non era para menos, logo de alcanzar o máximo galardón na trixésimo cuarta Cata dos Viños de Galicia e tras varios anos sendo o mellor branco da Denominación de Orixe. 

Alma de Autor, de Adegas Pazo das Tapias, S. L., levouse o premio ao mellor branco da D. O. Monterrei, e Ladairo foi Acio de Ouro Tinto da comarca. Outros viños premiados nesta cata 2022 foron Alma de Autor, co Acio de Bronce aos viños tintos de colleitas anteriores; Vía Arxéntea, como Acio de Ouro Tinto, e Lobarzán Saura, como Acio de Prata Tinto, na sección de viños de Elaboracións con Madeira

Ter o mellor branco de Galicia é unha moi boa nova que debe orgullecernos a todos, a Pazo Blanco Núñez pero tamén a toda a familia Monterrei (Lara Da Silva, presidenta da Denominación de Orixe)

Lara da Silva Rodríguez
Lara Da Silva, presidenta da Denominación de Orixe Monterrei. 


Tamén esta redación collía á presidenta da Denominación de Orixe Monterrei, Lara Da Silva, de regreso a Verín. Facíao feliz "por este recoñecemento, aínda que o primeiro que quero facer é darlle a noraboa a todos os premiados nas diferentes categorías. E, tamén quero agradecer moi sinceiramente a todos os que fixeron e están facendo que a nosa Denominación de Monterrei sexa hoxe o que é. Por suposto, vaia tamén dende aquí, aínda que xa tiven ocasión de felicitalos na gala das Catas, a miña felicitación á Adega Pazo Blanco Núñez por ese merecido premio que coloca a Monterrei onde penso que debe estar. Ter ao mellor branco de Galicia debe orgullecernos a todos porque é unha boa nova para eles pero tamén para toda a familia Monterrei", sinalou a presidenta de Denominación de Orixe Monterrei, Lara Da Silva. 

NOTICIAS VERÍN | Quinta das Tapias, Acio de Ouro ao Mellor Branco de Galicia 2022