lunes. 29.04.2024

A Biblioteca Municipal de Verín vén de recibir o premio María Moliner de proxectos de animación á lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes, correspondente ao ano 2023, pola súa iniciativa “Voluntariado cultural con rapaces/as para o fomento da lectura”.

Deste xeito, a Biblioteca verinesa recibirá 2.772,22 euros financiados polo Ministerio de Cultura e Deporte, que serán destinados a compra de libros e/ou publicacións periódicas.

O concurso, convocado polo Ministerio de Cultura e Deporte e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías. Verín leva anos colocándose entre os primeiros postos deste certame. Nesta ocasión, A Biblioteca Pública Municipal de Verín podería ter acadado unha vez máis o galardón especial ás dez mellores, mais as bases exclúen as bibliotecas que gañaron dito premio fai menos de 5 anos.

A concelleira de Cultura, Samanta Barreira, quixo expresar a súa gratitude e satisfacción por este recoñecemento, resaltando que "sen dúbida, este é o resultado do compromiso e a paixón demostrada polo equipo de profesionais da biblioteca no seu labor diario".

Barreira tamén destacou o feito de que "Verín se sitúe habitualmente nos primeiros postos deste importante certame, o que evidencia o compromiso da biblioteca e Concello coa promoción da lectura e coa calidade dos servizos bibliotecarios, consolidando a nosa vila como todo un referente neste ámbito".

Na campaña de 2023 presentáronse un total de 557 proxectos, dos que foron seleccionados un total de 370. A comisión de selección destacou do Proxecto de Voluntariado Cultural con rapaces/zas para o fomento á lectura da Biblioteca de Verín o Premio Nacional María Moliner, a claridade e interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e viabilidade.

Voluntariado cultural con rapaces/as para o fomento da lectura

Ademais, de valorar a orixinalidade e innovación e as actividades de integración social que contén a proposta. Voluntariado cultural con rapaces/as s para o fomento da lectura trátase dun proxecto consolidado, que xurdiu fai catorce anos e que converteu á biblioteca nun referente cultural na localidade, realizando un gran número de actividades variadas e de calidade grazas á colaboración de mozos voluntarios. Destaca pola súa relación transfronteiriza levando as actividades da biblioteca a aldeas próximas de Portugal e polas súas actividades interxeracionais e con colectivos en risco de exclusión social. Ao longo destes anos, foron máis de 650 actividades de fomento á lectura, onde tamén tiveron cabida, multitude de conferencias, presentacións de libros, exposicións, concursos e coma non ou servizo estrela do verán que é a Biblio-Piscina e Biblio-Rúa, servizos tamén atendidos polos Voluntarios da Biblioteca.

NOTICIAS VERÍN | A Biblioteca de Verín recibe de novo o premio María Moliner de fomento...