O Entroido 2022 de Verín xa ten imaxe oficial. O cartel ilustrador de esta edición foi presentado esta xoves na vila do Támega polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e por Fernando Barreira, artista local autor do mesmo.
Segundo explicou Barreira, con esta obra -realizada con tinta directa e utilizando papel fotográfico, cartolina e acuarela- búscase, a través das súas cores, recuperar o espírito festivo a alegre destas tradicionais festas tras un longo período de restricións derivadas da pandemia.
O cartel conta con varias ilustracións onde aparecen reflectidas certas figuras que, no seu conxunto, representan a esencia do Entroido de Verín. No centro atópase, como non podía ser doutra maneira, co personaxe máis icónico do Entroido de Verín, o cigarrón, reinterpretado baixo a mirada do autor. Tamén teñen especial relevancia o tradicional capuchón e, a modo de antagonista, a figura dunha moza disfrazada de geisha. Segundo Barreira, "ambas imaxes son a viva representación do noso Entroido; un máis tradicional e outro máis moderno, convivindo en harmonía".
Na parte superior sitúase un touro travestido, que nos lembra o carácter transgresor desta celebración; e un diaño, "que representa o espírito propio de burla e picaresca que se respira durante estes días de festa", destacou Barreira.
O autor anunciou tamén que cede gratuitamente todos os dereitos de reprodución da obra ao Concello de Verín, podendo o mesmo realizar as adaptacións que considere oportunas para promocionar as festas. A obra orixinal pasará a quedar exposta permanentemente nalgún dos espazos públicos da Casa Consistorial.
Pola súa banda, Gerardo Seoane, o alcalde, quixo lembrar que "aínda que sabemos que este ano o Entroido non terá a intensidade que nos gustaría, con este cartel de primeiro nivel queremos demostrar que dende a organización farase un esforzo extra para manter toda a esencia, forza e alegría que o caracteriza".