jueves. 02.05.2024
Festa de aniversario no centro de día Solleira de Verín. | FOTO: Anabel G. Simón.
Festa de aniversario no centro de día Solleira de Verín. | FOTO: Anabel G. Simón.

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes a convocatoria das axudas Respiro Familiar. Este programa permite que as persoas dependentes ou con discapacidade poidan realizar unha estancia temporal en residencias, centros de día ou contratar a unha persoa coidadora para o fogar, co obxectivo de facilitar o descanso dos seus coidadores habituais.

O prazo de solicitude desta axuda xa está aberto e rematará o 30 de outubro. A través do programa Respiro Familiar, a Xunta financiará o 100% da estadía en calquera centro residencial de Galicia, sen límite de tempo e ata un máximo de 1.500 euros, ou de 1.000 euros para aboar o custo dun coidador no fogar ou dunha estadía nun centro de día.

Nesta convocatoria, o Goberno galego investirá 880.000 euros, nunha subvención na que se poderán xustificar estancias temporais dende o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso.

O obxectivo principal da convocatoria destas axudas é o de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder a esta axuda sempre que a persoa ou persoas que se atendan sexan residentes en Galicia e, ademais, deberán ter recoñecidos un grao II ou III de dependencia e, no caso da discapacidade, será igual ou superior ao 75% ou que teña acreditado cun informe médico e social a necesidade de axuda por parte de terceiros para facer actividades da vida diaria.

A solicitude pódese presentar a través deste enlace ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistro na normativa reguladora do procedente administrativo común. Aquí pódese consultar a orde completa sobre estas axudas.

NOTICIAS VERÍN | A Xunta ofrece axudas para pagar estancias en centros de día